Meta presentou hoxe novidades na mensaxería directa de Instagram que, sen supor unha revolución, enriquecen as comunicacións dentro dunhas das plataformas móbiles de maior éxito a nivel mundial, de xeito que haberá usuarios que opten por conectar coas amizades a través de Instagram en vez de empregar outras canles de comunicación.
Unha das novidades máis importantes é a integración dunha ferramenta de tradución automática, de xeito que podemos premer nunha mensaxe dunha conversa e seleccionar a opción de Traducir para que o texto apareza no idioma no que temos configurado a aplicación (podendo repetir a operación para volver ao texto orixinal). Deste xeito facilítanse as comunicacións con persoas en distintas partes do mundo.
Outra novidade atractiva é a posibilidade de compartir cancións coa xente coa que esteamos a conversar a través dun adhesivo de Música que permite buscar temas entre toda a colección musical de Instagram para compartilos cunha imaxe dun disco de vinilo xirando acompañado cunha vista previa da 30 segundos da canción.
Pero a novidade que si muda o xeito de operar coa mensaxería de Instagram é o feito de poder programar o envío das mensaxes, xa que tras escribilas, se deixamos pulsado o botón de enviar abrirase un menú de programar mensaxe para que fixemos o día e a hora de envío, o que pode resultar moi práctico para recordatorios ou para, simplemente, non molestar a certas horas e adiar o envío das comunicacións a un momento máis axeitado.
Nas conversas tamén podemos agora premer nunha mensaxe para fixala na parte superior da conversa (onde pode logo desfixarse) como un xeito de manter localizable información importante.
E para rematar as novas prestacións, agora os grupos de chat, aparte de poder compartirse mediante ligazóns ou mensaxes, tamén poden compartirse mediante códigos QR, o que resulta práctico para encontros no mundo real, xa que así podemos convidar a alguén en persoa para unirse a un grupo simplemente apuntando coa cámara do seu móbil a pantalla do noso.
Instagram incorpora novas prestacións á súa mensaxería
Compartir Este Artigo

