Entre 2022 e 2025 Warner Bros. Games tentou replicar o éxito dos xogos de Smash Bros. de Nintendo con Multiversus, un xogo de loita en plataformas con personaxes de franquías da Warner entre os que destacaban os superheroes e viláns do Universo DC.
Dado que este título era un free-to-play e non conseguiu fidelizar a unha grande masa de xogadores, aconteceu o que parecía inevitable case dende o lanzamento do xogo, e o 30 de maio de 2025 botou o peche.
Semella que os responsables de DC non escarmentaron, porque veñen de anunciar DCKO, un xogo de loita free-to-play cos personaxes e escenarios do Universo DC, que loitarán en equipos de dous integrantes (tag) e que Dropfake está a desenvolver para dispositivos móbiles, polo que se manexaría mediante toques e deslizamentos do dedo sobre a pantalla, o que non é precisamente o tipo de control favorito para os amantes dos xogos de loita (que normalmente buscan precisión no manexo).
O xogo promete un grande repertorio de personaxes e escenarios moi coñecidos para os seareiros de DC, que son o principal reclamo deste título que permitirá enfrontamentos de xogador contra xogador, aínda que tamén ofrecerá un modo no que haberá que loitar contra a máquina nun modo historia na que os heroes terán que derrotar a Ra’s al Ghul e a súa Liga de Asasinos, o exército de robots de Amazon, as hordas de demos de Trigon e moitas outras ameazas que irán incorporándose ao xogo en tempadas.
DCKO está a aceptar rexistros para a súa versión de proba, estando previsto que o título final vexa a luz en 2027. O anuncio deste título está a ser bastante mal recibido polo público, para o que MultiVersus foi unha grande decepción, e como referencia de xogo de loita de DC teñen a serie Injustice de NetherRealm (os creadores de Mortal Kombat), polo que DCKO é un claro paso atrás. Sería toda unha sorpresa que este traballo conseguise unha base de usuarios que permitise manter o xogo vivo máis dun ano.
Tráiler de presentación do xogo

