
O grupo Hematoloxía Computacional e Xenómica do Instituto de Investigación Sanitaria de Galicia, que dirixe Adrián Mosquera, creou un buscador de ensaios clínicos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela con IA (intelixencia artificial), o que, en palabras do IDIS, “converte o CHUS no primeiro hospital español con esta tecnoloxía e o IDIS en pioneiro neste ámbito”.
O buscador enmárcase nos proxectos que xa están a desenvolver ambos os centros, como a nova unidade mixta de investigación centrada en IA aplicada á medicina (UMI-MedIA), co obxectivo de usar a intelixencia artificial para resolver necesidades reais, mellorar a coordinación asistencial e achegar a innovación aos pacientes.
“O CHUS é un centro de referencia en áreas como a oncoloxía e a hematoloxía e mantén unha actividade moi relevante en ensaios clínicos. Con todo, a información sobre os estudos dispoñibles non sempre chega de forma sinxela, rápida e actualizada a todos os profesionais do sistema sanitario. Isto pode facer que pacientes atendidos fóra dos circuítos máis directamente vinculados coa investigación non sexan identificados ou derivados, a pesar de que potencialmente poderían cumprir os criterios para participar nalgún destes estudos. A plataforma nace, por tanto, co obxectivo de facilitar a conexión entre os profesionais do SERGAS, os pacientes e os equipos investigadores do CHUS”, explica o doutor Adrián Mosquera.
O doutor engade que a información sobre ensaios clínicos adoita atoparse dispersa en diferentes rexistros, páxinas web, documentos ou canles de comunicación. Estes sistemas normalmente esixen coñecer con bastante precisión o nome do estudo, o promotor, o fármaco investigado ou utilizar procuras moi estruturadas. Esta nova ferramenta permite consultar os ensaios activos mediante linguaxe natural.
“Non é necesario coñecer o nome concreto dun protocolo nin manexar complexos sistemas de procura: pode formular directamente unha pregunta clínica e obter unha resposta comprensible e orientada á práctica asistencial. Isto permite dispor dunha visión moito máis clara e intuitiva dos ensaios abertos no CHUS para unha enfermidade determinada e facilita o acceso ás fontes oficiais de cada estudo”, destaca o Dr. Mosquera.
Nesta primeira versión, a plataforma está a dispor dos profesionais cunha conta corporativa do SERGAS, mediante rexistro co seu correo electrónico. Unha vez rexistrado, o usuario pode realizar consultas en linguaxe natural, como “Hai algún ensaio clínico aberto no CHUS para un paciente con mieloma múltiple en recaída?”.
A plataforma analiza a consulta, identifica os ensaios potencialmente relacionados con esa patoloxía e mostra a información dispoñible sobre os estudos activos. Tamén permite acceder ás páxinas e rexistros oficiais de referencia, onde poden consultarse o protocolo, os criterios de inclusión e exclusión, o estado do recrutamento e outros datos relevantes.
O IDIS engade que “a ferramenta non substitúe a valoración do investigador nin determina por si soa que un paciente sexa candidato a un ensaio; a súa función é actuar como unha porta de entrada rápida á información e facilitar o contacto e a derivación ao equipo responsable”.
Por outra banda, o grupo de investigación explica tamén que “non se trata dun proxecto acabado, posto irá evolucionando a partir da experiencia dos usuarios e das necesidades dos equipos clínicos e de investigación, que analizarán tanto a experiencia dos usuarios como o tipo de procuras realizadas, co obxectivo de identificar melloras e adaptar a ferramenta ás necesidades reais dos profesionais”.
O obxectivo final é facilitar que máis pacientes poidan ser avaliados para participar en ensaios clínicos mediante unha información actualizada e facilmente accesible para que o profesional que favoreza unha identificación e derivación máis temperás, mellore a equidade no acceso á investigación clínica e amplíe as opcións terapéuticas para determinados pacientes. “Ao mesmo tempo, a ferramenta pode contribuír a mellorar o recrutamento dos ensaios, reforzar a colaboración entre centros e consolidar o CHUS como un hospital de referencia en investigación clínica e incorporación responsable de novas tecnoloxías ao sistema sanitario”, indica o doutor. Mosquera Orgueira.
