
Os incrementos de prezo das memorias están a provocar situacións case surrealistas no catálogo de fabricantes como Apple, que en maio retirou do seu catálogo os Mac mini con 256 GB de almacenamento, que tiñan un prezo de 719 euros, de xeito que o modelo máis económico sería o de 512 GB de capacidade, cun prezo de 849 euros.
Deste xeito a barreira de entrada no mundo de Apple elevábase para moitos usuarios, o que empeorou a finais de xuño, co encarecemento da meirande parte dos equipos de Apple, deixando o Mac mini de 512 GB en 1.189 euros, colocando o ordenador nunha posición na que fai moi pouco recomendable a súa compra.

Neste escenario tan negativo sorprende agora o retorno ao catálogo do modelo con 256 GB, cun prezo de venda de 969 euros e un prezo de entrega de 5-6 semanas, o que segue a ser un produto bastante fóra de mercado. Por fortuna, quen estea interesado no produto, dende Amazon tamén recuperan o equipo, aínda que mantendo o seu anterior prezo (719 euros), facendo que sexa unha compra moi atractiva para quen queira facerse cun Mac de escritorio. O que é unha incógnita é cando recibirán o equipos os que o adquiran, xa que a data de entrega ten un intervalo moi amplo: entre o 2 de outobro de 2026 e o 1 de marzo de 2027.

