
Por fin chegou a data que agardaban os seareiros da compañía da mazá, e Apple celebrou o seu evento de setembro, para presentar novos teléfonos, reloxos e auriculares, nunha presentación que botou a andar cunha escenificación cinematográfica sobre como John Ternus colle a remuda de Tim Cook á fronte da compañía de Cupertino.
Apertura variable

O produto que noutras ocasións sería o prato forte da presentación foi desta volta unha actualización continuísta, xa que os iPhone 18 Pro e iPhone 18 Pro Max basicamente limitaron a súa revisión á incorporación de apertura variable á súa cámara principal (detalle que só uns poucos valorarán), a mellora de autonomía e á habitual estrea de novas cores (sendo as novidades deste ano as cores bordeos e azul glacial).
Os modelos iPhone 18, iPhone 18e e iPhone Air 2 non formaron parte da presentación, pois enténdese que os dispositivos máis económicos, a partir de 2027, pasarán a estrearse en primavera.
Subas de prezo

O que non resultou tan agradable foi a actualización de prezos, xa que agora o iPhone 18 Pro parte de 1.469 euros e a versión Pro Max de 1.619 euros, o que supón en ambos casos un incremento de 150 euros.
Pero a cousa non quedou aí, senón que, aproveitando que Apple pechou a súa tenda para introducir os novos teléfonos, incrementaron os prezos dos modelos anteriores, de xeito que o iPhone 17e pasou de 709 a 859 euros, o iPhone 17 de 959 euros a 1.109 euros e o iPhone Air de 1.219 a 1.319 euros.

Deste xeito os novos produtos non parecen tan caros, pero en consecuencia tamén poñen a barreira de entrada ao mundo da mazá demasiado elevada (incluso o vello iPhone 16 supera lixeiramente os mil euros de prezo oficial).
Novos accesorios

Tras os teléfonos chegou a hora dos accesorios, comezando polos AirPods 5, que dan un importante salto dende a xeración anterior, xa que a cancelación de ruído activa inclúese dende a versión básica, cando antes tiña un sobrecusto de 50 euros. Tamén reciben a función de tradución en tempo real.
Os reloxos, o Apple Watch Series 12 e Ultra 4, reciben como actualización unha mellora dos seus sensores para conseguir un seguimento máis frecuente da frecuencia cardíaca e da súa variabilidade, así como tamén incrementan a súa autonomía. A habitual mellora incremental de cada ano.
O primeiro teléfono encartable de Apple

O auténtico prato forte da xornada foi o smartphone encartable de Apple, que finalmente se chama iPhone Duo, pese a meses respondendo aos nomes de iPhone Fold e iPhone Ultra.
O produto está na liña do rumoreado, cun formato de pasaporte e, como detalles a salientar, unha cámara nanotexturizada na súa pantalla interior que reduce a visibilidade do seu pregue e minimiza os reflexos.
Estamos ante un produto que apenas pesa 6 gramos máis que o iPhone 18 Pro Max, polo que os grandes atrancos para a súa compra semella que serán principalmente a ausencia dunha cámara traseira con teleobxectivo e o seu elevado prezo: o modelo con 256 GB de capacidade custa 2.339 euros, mentres que a versión con 512 GB venderase a 2.589 euros, o de 1 TB a 3.089 euros e o de 2 TB a 3.839 euros, polo que estamos ante dispositivos que se afastarán de boa parte dos consumidores, xa que incluso unha compra financiada a 24 meses queda con mensualidades de entre 97,46 e 159,96 euros, algo difícil de xustificar para un teléfono.
O que si foi unha agradable sorpresa é que finalmente o produto chegará a España, podendo reservarse a partir do 16 de outubro, para chegar ás tendas o 23 de outubro, aínda que podemos anticipar que as existencias serán bastante limitadas tanto polas dificultades de fabricación como polos seus prezos estratosféricos.
Semella que estamos ante os novos produtos aspiracionais de Apple, que moitos consumidores adquirirán máis como símbolo de status que polas súas prestacións (pois a efectos prácticos un iPhone 18 Pro Max sería mellor dispositivo).

