
Cumprindo a predición de Mark Gurman en Bloomberg, Apple anunciou unha presentación especial para o vindeiro martes 13 de outubro baixo o lema Benvido a casa, nun movemento que apunta á renovación da súa oferta para o fogar coenctado. A cita estará centrada previsiblemente en varios dispositivos, entre eles un novo Apple TV 4K, unha segunda xeración do HomePod mini e o esperado dispositivo doméstico con pantalla que leva meses protagonizando rumores.
O novo dispositivo para o fogar sería unha especie de combinación entre un iPad e un HomePod, cunha pantalla cadrada duns seis polgadas pensada para controlar accesorios domóticos, facer chamadas de FaceTime, consultar información, reproducir vídeo e acceder ao calendario, entre outras funcións. Siri tería un papel central na interacción.
As filtracións apuntan a dúas variantes: unha deseñada para instalar na parede e outra cunha base con altofalante e un deseño inspirado no iMac G4. Unha cámara e un sensor de presenza permitirían detectar quen se atopa na estancia e adaptar a interface, mostrando widgets e aplicacións personalizados.
O HomePod mini 2 incorporaría novas cores, o chip de conectividade N1 para mellorar as conexións Wi-Fi e Bluetooth e un procesador da serie S máis rápido, preparado para as novas funcións de Siri baseadas en intelixencia artificial.
O novo Apple TV 4K, pola súa banda, podería dar o salto aos chips A19 ou A19 Pro, acompañados dunha ampliación da memoria RAM, do mesmo chip N1 e dun Siri Remote actualizado.
Tamén existe a posibilidade de que Apple aproveite a cita para presentar un iPad mini con pantalla OLED, maior resistencia á auga e un procesador máis rápido, aínda que a súa presenza no lanzamento non está confirmada. Ademais, filtracións recentes apuntan a novos accesorios para o fogar desenvolvidos en colaboración con LG, entre eles un timbre, unha pechadura e un termóstato.
A compañía de Cupertino convidou tamén varios medios a unha experiencia presencial en Tribeca (Nova York) o 13 de outubro ás 9:00 horas da mañá, polo que é probable que os asistentes poidan probar os novos dispositivos como se fixo noutras citas anteriores (que tamén tiveron réplicas en Europa).

