
O Clúster TIC Galicia participa xunto a seis empresas socias e con stand propio en Tech Show Madrid, a maior cita tecnolóxica multisectorial de España, que se celebra hoxe e mañá en IFEMA Madrid con máis de 470 expositores, 400 relatores e unha previsión de asistencia de 27.000 visitantes.
A axencia 2bedigital, Cloud.gal, Ilux Visual Technologies, ScanMeNow, Macrotest e Quobis compartirán emprazamento (3F86) na zona dedicada a Big Data & AI World no marco desta feira para amosar as súas solucións en servizos na nube, ciberseguridade, comunicacións seguras, tecnoloxías inmersivas, nova mercadotecnia ou sistemas críticos.
A entidade busca afianzar así a presenza das súas asociadas neste encontro de referencia que reúne a responsables e directivos de compañías especializadas nos ámbitos da ciberseguridade, a nube, a análise da información a gran escala (Big Data), a intelixencia artificial (IA), os centros de datos ou o edge computing.
“A experiencia do ano pasado en Tech Show Madrid foi moi positiva, por iso repetimos nesta sexta edición. Esta cita permítenos dar visibilidade ao potencial do sector tecnolóxico galego, dende a capacidade ata o talento, pasando pola súa ampla oferta”, afirma Iago Soto, responsable do Grupo de Traballo de Internacionalización do Clúster TIC Galicia, que sostén: “Dado o seu volume de asistencia, é unha excelente oportunidade para conseguir contactos cualificados, abrir novas oportunidades de negocio e establecer alianzas estratéxicas no mercado nacional e internacional”.
Produtos e servizos avanzados
A través dun espazo propio, as empresas socias que participan no evento exhibirán unha selección da tecnoloxía que desenvolven, produtos e servizos avanzados que ofrecen unha panorámica da innovación galega: diversa, competitiva e preparada para colaborar con outras compañías e institucións fóra do noso territorio.
Ilux Visual Technologies, con sede na Coruña, regresa a Tech Show Madrid con ScanMeNow, cuxa solución innovadora permite obter avatares 3D hiperrealistas mediante tecnoloxía baseada en intelixencia artificial. Desde Ilux completan a creación destes xemelgos dixitais co desenvolvemento de contornas virtuais personalizadas para marcas e eventos, que se poden visualizar desde calquera dispositivo mediante unha ligazón.
A axencia 2bedigital, situada en Santiago de Compostela e especializada en Performance & Growth Marketing, presentará os seus novos sistemas de crecemento dixital Core, Scale e Elite, que conectan captación, conversión, automatización, IA e datos. Tamén levará a súa ferramenta de analítica con IA Gentrade Analytics, que reúne datos de Google Ads, Meta Ads, Google Analytics, Shopify e outros sistemas para analizalos de forma conxunta, xerar informes e responder preguntas en linguaxe natural.
Pola súa parte, Cloud.gal, empresa compostelá experta en infraestrutura cloud, ciberseguridade e servizos xestionados para empresas medianas, despachos profesionais e administracións públicas, dará a coñecer Cloud ControlBox, unha solución para que os responsables de dirección e IT teñan control, visibilidade e goberno das súas contornas tecnolóxicas e dos seus custos desde un único punto. Amosarán tamén os seus servizos de escritorio cloud, preparados para o uso seguro da IA na empresa.
Macrotest, con oficina tamén en Compostela, compartirá a súa experiencia no desenvolvemento, mantemento, probas e integración con novas tecnoloxías de infraestruturas mainframe, as contornas sobre as que funcionan os sistemas críticos da banca, os seguros e as grandes organizacións.
Quobis, localizada na área de Vigo, sinala que a súa finalidade en Tech Show Madrid é abordar a seguridade na telefonía, a través das súas solucións para responder aos problemas actuais das chamadas de voz, como a fraude, o correo ou as chamadas lixo (spam) ou a suplantación de identidade. Neste sentido, presentarán Quobis Voice Security Framework, coa que propoñen converter a voz nunha canle segura e de confianza.
Con esta presenza en Tech Show Madrid, o Clúster TIC Galicia busca reforzar o seu papel como “dinamizador do ecosistema tecnolóxico galego cun obxectivo común: promover a súa presenza no mercado nacional e internacional, tecer alianzas estratéxicas e abrir novas vías de negocio que contribúan a consolidar Galicia como referente tecnolóxico”.

