
A Xunta porá en marcha 70 Puntos Xove por toda Galicia para orientar e informar a mocidade galega sobre oportunidades laborais e persoais. Así o deron a coñecer hoxe as directoras xerais de Xuventude, Lara Meneses, e de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, nunha visita á Oficina de Emprego de Monelos na Coruña, onde explicaron que se trata “dunha rede pioneira que permitirá reunir nun único espazo toda a información relativa a programas, servizos e axudas dirixidas á mocidade”.
Meneses explicou que estes paneis informativos contarán cunha plataforma física con conexión a Internet e permitirá visibilizar a información, orientar o primeiro acceso e derivar aos servizos xa dispoñibles. “Trátase”, indicou, “dunha medida innovadora para achegar á mocidade os recursos máis axeitados ás súas necesidades, relacionados coa formación, coa orientación profesional, a empregabilidade, a mobilidade, o emprendemento ou a vivenda”.
Lado puxo en valor os recursos tecnolóxicos do Servizo Público de Emprego de Galicia a disposición da mocidade, como por exemplo a aplicación móbil da ferramenta de intelixencia artificial EMi, que lles permite realizar os seus propios perfilados competenciais de cara a mellorar as súas oportunidades laborais. Tamén salientou o simulador de entrevistas con intelixencia artificial, concibido para aumentar as posibilidades de éxito á hora de presentarse a unha oferta de traballo.

O novo recurso presentado hoxe estará dispoñible nas oficinas de emprego, Espazos Xoves e residencias xuvenís, sumando un total de 70 Puntos Xove.
A través deles, poderanse xestionar iniciativas na Oficina Virtual de Asesoramento e Orientación para Xuventude, trasladar consultas especializadas a través dunha canle de comunicación, conectar directamente coa Administración ou consultar o Mapa de Recursos para a Xuventude, no que inclúen axudas, programas e servizos de interese xuvenil.
