
A Rede de Clubs de Ciencia da Xunta de Galicia conta este curso con 269 centros educativos, 32 máis que se incorporan por primeira vez ao programa, que busca achegar a investigación e a experimentación ás aulas e espertar o interese do alumnado polas disciplinas científicas e tecnolóxicas.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou a importancia destes espazos para fomentar as vocacións STEM desde as primeiras etapas educativas. Fíxoo durante a II Xornada da Rede de Clubs de Ciencia, celebrada cun programa de actividades destinado a compartir experiencias e recursos didácticos entre o profesorado participante.
Rodríguez salientou que estes clubs permiten introducir o coñecemento científico nas aulas cunha metodoloxía práctica e participativa, na que os estudantes «aprendan facendo, formulen preguntas e busquen solucións a través da experimentación e do traballo en equipo». Tamén incidiu no papel dos docentes á hora de formular desafíos que estimulen a curiosidade, o pensamento crítico e a capacidade para resolver problemas de maneira autónoma e colaborativa.
O programa baséase nunha metodoloxía de indagación na que o profesorado propón retos que o alumnado debe abordar mediante a investigación, a experimentación e a posta en común de ideas. A convocatoria deste curso incorpora 32 centros por primeira vez, ata acadar os 269 participantes.
A xornada incluíu conferencias, obradoiros e presentacións de proxectos desenvolvidos nos centros educativos. Entre as actividades figurou unha conferencia do médico e divulgador científico Ignacio Crespo Pita, titulada Tu cerebro no aprende NADA, aprendes tú, así como un obradoiro sobre aplicacións da intelixencia artificial na educación impartido por Florentino Fernández Cueto, profesor de Electrónica e Informática no Centro Integrado de FP Ferrolterra.
O programa da tarde completouse cunha sesión sobre o cambio climático en Galicia a cargo da meteoróloga e doutora en Ciencias Físicas María Souto Alvedro, un obradoiro sobre mundos virtuais e un espazo de traballo colaborativo para deseñar novos retos científicos.
