
En 1998, o movemento Bravú transcendeu as guitarras eléctricas, a retranca e as cancións do Xabarín Club para protagonizar un fito tecnolóxico sen precedentes: o nacemento de Terra Terremota, considerado o primeiro videoxogo da historia con voces gravadas en galego. A entrega viu a luz dentro dun CD multimedia que acompañaba o terceiro número da revista Bravú, combinando música, vídeos e videoxogos. Recuperado case trinta anos despois polo Museo do Videoxogo (MUVI) e exhibido na mostra sobre a historia dos videoxogos en Galicia na Biblioteca de Galicia, o seu director e guionista, o xornalista e escritor Xosé Manuel Pereiro, reconstrúe a orixe e os detalles dunha peza pioneira da nosa cultura dixital.
—Como xurdiu a idea de trasladar a rebeldía e o espírito do movemento Bravú ao terreo interactivo dos videoxogos?
—Pasou moito tempo, pero imaxino que a iniciativa foi miña ou da deseñadora María Luaces, quen hoxe segue a traballar comigo no deseño da revista Luzes. Naquela altura viámolo case como unha consecuencia lóxica da época. Cada número da revista Bravú queríamos acompañalo dalgún contido especial; por exemplo, o primeiro levou un CD da Selección Galega. No segundo e terceiro número, como estaban a suceder acontecementos tremendos (como aquel barco que se estampou contra a ponte das Pías en Ferrol), decidimos crear un videoxogo. Era a nosa maneira irónica e retranqueira de dixerir as traxedias.

—Vían o videoxogo como unha vía para modernizar a identidade galega e conectar co público máis novo?
—Tamén, aínda que en realidade estaba pensado un pouco ao estilo das series de David Simon: nós non pensabamos nun «espectador medio» nin faciamos concesións; faciamos o que considerabamos que había que facer, e despois o público xa viría ou non. Entraba de cheo no espírito do Bravú. A revista estaba concibida cun criterio profesional pero dirixida a unha comunidade con inquedanzas moi xeracionais arredor de certa música e dos videoxogos. Non estabamos pensando en «captar nova audiencia» nin en presumir de estar estritamente á última moda tecnolóxica; simplemente parecíannos o paso natural.
—No aspecto técnico, aqueles CD híbridos de finais dos noventa adoitaban xerar problemas segundo se reproducisen nun equipo de son ou nun ordenador. Que solución adoptaron?
—Fomos pioneiros ao crear unha versión que fose compatible tanto para sistemas Mac coma para Windows. O que ocorría na versión para Mac era que o primeiro corte da pista non reproducía nada ou quedaba en total silencio. Como non sabiamos a razón técnica exacta daquel fallo e cumpría resolver o problema para quen o metese nun aparello de música convencional, decidimos incluír como primeiro tema de audio a pista «Escoitando para medrar». En canto o disco se introducía nun ordenador, xa arrancaba directamente o programa do videoxogo.
—Como se estruturaba o xogo e quen deu forma ao seu apartado visual?
—Tivemos a sorte de contar axiña con xente que sabía programar e deseñar. O apartado gráfico e os debuxos realizounos un debuxante, e decidimos que o personaxe protagonista de todas as pantallas fose Pinto D’Herbón. As tramas inspirábanse nas novas da actualidade galega daquel momento: nunha pantalla víase a Pinto D’Herbón arrincando eucaliptos con música de fondo, noutra esquivando o barco que ía rumbo á ponte das Pías, e noutra ambientada en Vigo durante unhas fortes inundacións.
O manexo era moi sinxelo: non estaba concibido para xogar con joystick, senón directamente coas catro frechas de dirección do teclado (arriba, abaixo, esquerda e dereita). Hai pouco puiden volver velo grazas ao MUVI; tiña a lembranza de que era un xogo máis áxil e grácil do que en realidade era, pero reflectía moi ben o contexto da época.
—O gran fito polo que Terra Terremota pasou á historia foi a incorporación de voces en galego. Como foi aquel proceso de gravación?
—Naquel tempo eu traballaba na televisión, polo que tiña facilidade para gravar as locucións. As introducións de cada xogo e as preguntas que se lle formulaban ao xogador graveinas eu mesmo xunto con outra voz. Persoalmente levaba case trinta anos sen poder ver o xogo porque hoxe en día xa non teño reprodutor nin maneira física de ler un CD. Por iso hai que agradecerlle fondamente á xente do Museo do Videoxogo que rescatase o proxecto, o preservase e o puxese en valor para que a xente o poida volver xogar.
—Que sente ao ollar con perspectiva aquela incursión pioneira?
—Para min foi o único contacto que tiven na miña vida co desenvolvemento de videoxogos, e aí rematou. Resulta moi emocionante comprobar como pasaron estas cousas hai non tanto tempo: ver aquel primitivismo artesanal e contemplar a auténtica revolución que experimentou o medio en tan poucas décadas.


