
O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Barrié presentaron ALGa dixital, unha nova plataforma web que, segundo explicaron as dúas entidades impulsoras desta iniciativa, “pon ao alcance da comunidade investigadora e universitaria e da cidadanía en xeral unha parte substancial dos materiais do Atlas Lingüístico Galego (ALGa)”.
No acto de presentación de ALGa dixital participaron a reitora da USC, Rosa María Crujeiras; a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias; a directora do Instituto de Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández, e o director do proxecto, o profesor Xulio Sousa.
Engadiron que o proxecto do ALGa comeza na década dos anos 70 do século pasado co obxectivo de estudar a variación xeolingüística do galego falado nas zonas rurais e enmárcase na colección Biblioteca Filolóxica Galega que xorde a finais dos anos 90, ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Barrié co obxecto de “trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica en calquera das distintas disciplinas e liñas de investigación que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente”.
A USC sinalou que “o actual proxecto do ALGa dixital supón un chimpo cualitativo na difusión e aproveitamento dun dos recursos científicos máis importantes para o coñecemento da lingua galega e da súa diversidade territorial”.
A iniciativa, desenvolvida co mecenado da Fundación Barrié, incorpora ás humanidades dixitais décadas de investigación lingüística e permite acceder dunha forma áxil e intuitiva á información que ata o de agora estaba dispoñible sobre todo a través dos volumes impresos do Atlas.
Un recurso histórico de investigación
O Atlas Lingüístico Galego constitúe unha das investigacións máis ambiciosas realizadas sobre a lingua galega. Entre 1974 e 1977, un equipo do Instituto da Lingua Galega percorreu o territorio galego e as áreas galegofalantes limítrofes para documentar sistematicamente as formas de falar de centos de informantes. A través dunha enquisa de preto de 3.000 preguntas, recompilouse “unha enorme cantidade de información sobre a pronuncia, a gramática e o vocabulario empregados nas diferentes comarcas”, informa a USC, engadindo que o resultado do esforzo colectivo foi a creación dun arquivo lingüístico de valor excepcional e a posterior publicación dos volumes do ALGa, “unha obra de referencia para a dialectoloxía galega e románica”. Os materiais recollidos ofrecen unha imaxe detallada da diversidade lingüística do país nun momento histórico de grande interese, anterior ás profundas transformacións sociais e culturais experimentadas nas últimas décadas.
Nova vida e nova dimensión
Co ALGa dixital, “ese patrimonio documental adquire unha nova dimensión”, explican dende o ILG, engadindo que a plataforma permite consultar e visualizar de maneira interactiva unha ampla selección dos materiais xa publicados, “convertendo os mapas tradicionais do atlas nun recurso dinámico e adaptable ás necesidades de cada usuario, sexa experto ou curioso”. A aplicación organiza os contidos arredor de tres grandes bloques temáticos: fonética, morfosintaxe e léxico. Desde calquera destes ámbitos é posible localizar fenómenos concretos e observar a súa distribución xeográfica mediante mapas interactivos. A primeira versión da ferramenta incorpora arredor de novecentos mapas, representativos da amplitude temática e territorial do proxecto.
Entre as principais novidades da plataforma destaca a súa capacidade de personalización. Os usuarios poden seleccionar variantes específicas, modificar a visualización dos datos, activar ou ocultar información e adaptar a representación cartográfica ós seus propios intereses. “Esta flexibilidade”, apuntan dende o ILG, “facilita a consulta puntual e a comparación e interpretación dos fenómenos lingüísticos desde perspectivas diferentes”. A ferramenta incorpora información complementaria para contextualizar cada mapa e cada fenómeno analizado. Deste xeito, o usuario pode acceder tanto á representación territorial das variantes como ós datos complementarios asociados, o que favorece unha comprensión máis completa da información lingüística.
Outro dos elementos destacados do ALGa dixital é a integración da dimensión xeográfica do proxecto. A plataforma permite coñecer as localidades investigadas e a súa localización dentro do dominio lingüístico galego, o que contribúe a contextualizar os datos e a comprender mellor a distribución espacial das distintas formas lingüísticas documentadas. “A creación deste recurso sitúa o Atlas Lingüístico Galego na liña das iniciativas internacionais máis innovadoras no ámbito da xeolingüística e das humanidades dixitais”, apuntan dende o Instituto da Lingua Galega, engadindo que “nos últimos anos, numerosos proxectos de atlas lingüísticos foron incorporando ferramentas web para facilitar o acceso á información e potenciar novas formas de análise”.
A plataforma ALGa dixital insírese plenamente nesta tendencia, poñendo a disposición da sociedade un recurso actualizado, accesible e tecnoloxicamente avanzado.

