
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu hoxe unha das actividades programadas polo Concello en conmemoración do Día internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, as XVI Xornadas Achégate á Igualdade, que este ano tiveron como lema Romper o eco: Xornadas sobre violencia de xénero, machosfera e igualdade.
Deron comezo cunha mesa de apertura institucional na que participaron o alcalde de Ames, Blas García; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a concelleira de Igualdade, Uxía García; e a directora do Centro de Información á Muller, Mayte Arufe.
As xornadas desta edición estiveron protagonizadas por Oriol Rosell Costa, Iván Gómez Beltrán e Elisa García Mingo, que impartiron distintos obradoiros e faladoiros.
Na mesa de apertura institucional, o alcalde, Blas García, comezou dando datos sobre a lacra da violencia machista. “Esta mesma semana tres mulleres foron asasinadas e este ano o número de mulleres asasinadas é de 50, unha cifra triste e lamentable. Por moito que fagamos parece que non damos corrixido estes números tan altos de mulleres asasinadas. Este é un traballo de todas e de todos, da mocidade e das persoas adultas, por iso esta xornada é tan importante”.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, dixo “a violencia contra as mulleres é unha emerxencia cotiá. O 25N é unha data para reivindicar pero tamén para falar do que está pasando na nosa sociedade e no noso día a día. Hai que prestar atención ao cotiá para entender como evolucionan as formas de violencia machista, e sobre todo escoitar para acertar como combatela. Por iso quero agradecerlle ao Concello de Ames o traballo que levades facendo durante todos este anos. Son 16 anos de xornadas e iso di moito do compromiso de Ames en prol da igualdade. Sodes un auténtico exemplo e referente neste ámbito, que entende que as políticas de igualdade teñen que estar presentes na nosa vida diaria os 365 días do ano e non só en datas sinaladas. Ademais, paréceme moi acertado que hoxe se fale sobre un fenómeno moi de moda como é a machosfera, e sobre todo do famoso algoritmo, e sobre a relación das plataformas dixitais coa violencia de xénero e coa igualdade”.
A concelleira de Igualdade, Uxía García, continuou referíndose ao lema desta edición, e indicou que: “escollemos este lema porque a violencia machista e tamén se aprende e se espalla nas pantallas. Nas redes sociais medran comunidades que coñecemos como machosfera. Nelas repítense e amplifícanse mensaxes que desprezan ás mulleres, que negan a desigualdade e que lles presentan aos rapaces o machismo como algo atractivo. Os algoritmos non son neutrais, repiten o mesmo unha e outra vez ata que ese eco parece a única voz posible. E isto está a ter consecuencias, os estudos amosan unha distancia cada vez maior entre o que pensan as rapazas e os rapaces sobre a igualdade. Por iso, necesitamos entender que está a pasar, coñecer como funcionan estes espazos e buscar ferramentas para responder desde a educación, desde as familiar e desde as institucións”.
A directora do Centro de Información á Muller, Mayte Arufe, presentou a xornada e comezou trasladando o seu pésame ás mulleres asasinadas por violencia de xénero ao longo deste ano, así como ás súas familias. “Tamén, lembrémonos de todas as mulleres que seguen sufrindo esta violencia, moitas veces en silencio. E é moitas veces ese silencio o que permite o eco, e por iso o lema destas xornadas Romper o eco”, sinalou.
Faladoiro A machosfera: contos e lendas

Posteriormente, abriuse a quenda de coloquios co obradoiro A machosfera: contos e lendas, impartido polo crítico e divulgador cultural Oriol Rosell Costa. Oriol Rosell Costa é un crítico e divulgador cultural. Conta cunha longa traxectoria como programador cultural e docente en estudos superiores e de mestrado, así como colaborador en distintos medios de comunicación como Eldiario.es ou RAC 1.
Esta primeira intervención achegou información sobre o fenómeno da machosfera, que, segundo explicou o Concello de Ames no programa da xornada, “é unha realidade potenciada polas redes sociais e o mundo web, que consiste nunha serie de foros en liña que promoven unha masculinidade enfatizada e un pensamento misóxino, cunha forte oposición ao feminismo”.
Durante a intervención, Rosell afondou no concepto da machosfera, na súa orixe e nos múltiples fenómenos que a compoñen. Para isto comezou explicando os conceptos de blue pill e red pill, que simbolizan un “espertar” entre a sociedade, ante o que cualifican como unha situación de desvantaxe fronte ás mulleres, nunha sociedade influída polo feminismo e por unha suposta xinecracia.
Así, explicou o divulgador que dentro da machosfera nace o movemento dos Activistas de dereitos dos homes, que parte do cuestionamento ás normas sociais impostas e ao patrón de masculinidade, como os prexuízos de aparencia física, os deportes que supostamente deben realizar, ou os monecos cos nenos pequenos deben xogar.
Oriol Rosell preguntouse o seguinte dirixíndose ao público: “Como pode ser que estes discursos de odio e estes delirios estean calando na sociedade, tendo en conta que a xeración actual medrou da man de políticas de xénero?”. Para intentar buscar respostas a esta cuestión, puxo o foco nun elemento fundamental, a lóxica do algoritmo. Oriol deixa claro que “as redes sociais non son malas, e que son unha ferramenta positiva como calquera outra, sempre que se empregue do xeito axeitado”. Non obstante, denuncia que “o problema chega cando se converten nun vehículo para espallar e fomentar os discursos de odio entre a sociedade e a mocidade”.
Pero a pesar do grave problema que xeran moitas veces os contidos dixitais, o crítico e divulgador cultural destacou que “a base de todo é a educación que se recibe dende cativos nas casas, e que un vídeo da Internet, por exemplo, non pode competir contra a educación recibida ao longo de toda unha vida”. Neste sentido, recalcou “a importancia da educación para paliar o machismo e a machosfera”.
Deseguido deuse paso ao relatorio Algoritmos para a reordenación de xénero: machosfera e womansfera, seu impacto na violencia de xénero e estratexias para a abordaxe educativa, a cargo de Iván Gómez Beltrán, historiador e doutor cum laude en xénero e diversidade pola Universidade de Oviedo. Tamén é investigador social especializado en xénero, feminismo, masculinidade e diversidade sexual.
O relatorio comezou explicando o concepto de “reordenación de xénero”, que fai referencia a que os discursos misóxinos e que fomentan a desigualdade non cambiaron ao longo dos anos, senón que cada vez de adaptan a novos escenarios e contextos, entre eles o dixital, xerando a machosfera. Así mesmo, o discurso estivo moi enfocado ao eido educativo e ás medidas que se poden e deben tomar ao respecto.
Ante este escenario, Beltrán explicou que “non sempre son os discursos extremos os que calan na sociedade, senón que existe unha ampla gama de grises”. Sostivo que “é xustamente nestes grises nos que o sistema educativo ten capacidade de intervención e para o que existen medios para actuar.” Así, ao longo da exposición Iván Beltrán foi sinalando como a desigualdade, os prexuízos e o machismo non son cuestións específicas desta nova xeración, senón que sempre existiron, só que se presentaban de xeito diferente.
Tamén puxo o foco sobre a súa importancia a nivel social e en como afecta á poboación de todas as idades, non só á poboación adolescentes. Para exemplificar este tema incluíu no seu relato varias reflexións sobre cine dirixido a adolescentes que impoñen un prototipo físico concreto que resulta totalmente ficticio e irreal, así como reality shows e programas de televisión que contribúen á desigualdade entre homes e mulleres e que teñen impacto directo na sociedade.
A última das exposicións da xornada foi Coñecendo a machosfera, entendendo a polarización de xénero na xuventude, impartida por Elisa García Mingo.
Elisa García Mingo é profesora titular en socioloxía na Universidade Complutense de Madrid. Tamén é investigadora principal do grupo de investigación DIVISAR e é Associate Member do Centre for Transforming Sexuality and Gender da Universidade de Brighton.
A última das interventoras protagonizou unha sesión moi diferente ás anteriores, dando o protagonismo total aos mozos e mozas que se atopaban entre o público, facendo unha posta en común cos pensamentos dos asistentes e creando un encontro moi ameno.
Deste xeito, ao longo da charla abordáronse conceptos como o auxe dos discursos de odio na Internet e a violencia que ten tanta cabida nestas plataformas, así como a machosfera da que tanto se falou ao longo da xornada. Falouse de fenómenos como os incels e as perigosas mensaxes que transmiten á mocidade, como por exemplo a idea de intentar sacar o máximos partido físico dun mesmo, modificando a túa propia cara ata que se adecúe a un prototipo específico que se considera o adecuado.
Ante isto, Elisa Mingo reflexionou sobre o que está a pasar, sobre que lle pasa pola cabeza á xente moza que se ve influenciada por este tipo de contidos. Para iso conversou co público, analizando as preocupacións dos homes adolescentes e tamén das mulleres, que concordaron en que cada vez se senten máis desprotexidas no entorno dixital.


