
Esta semana chegou ao mercado estadounidense o Kodak SlideTag, un accesorio que permite levar fotografías persoais nun chaveiro e utilizalo tamén para localizar obxectos perdidos. O produto combina unha pequena pantalla de tinta electrónica cun sistema de rastrexo compatible coas redes Apple Find My e Google Find Hub.

O SlideTag recupera a estética das antigas diapositivas Kodachrome de 1935 mediante unha montura cadrada que alberga unha pantalla de 1,54 polgadas. O dispositivo mide 39,3 x 46 x 7,58 milímetros e pesa 16,6 gramos, polo que pode colocarse nun chaveiro ou pendurarse dunha mochila ou dunha bolsa.

A través da aplicación Kodak Memory Link, dispoñible para iOS e Android, os usuarios poden cargar ata 12 fotografías mediante Bluetooth 5.4 e configurar a súa reprodución en bucle. O pequeno panel tamén serve para amosar códigos QR, datos de contacto, listas de tarefas e contadores.
Como localizador, SlideTag intégrase en Apple Find My e Google Find Hub, polo que permite recorrer ás respectivas redes para tentar recuperar os obxectos aos que estea enganchado. Cando se atopa nas proximidades, o usuario pode activar un aviso acústico de 75 decibeles. A conexión Bluetooth alcanza os 30 metros en espazos abertos, pero o dispositivo non incorpora banda ultraancha para ofrecer indicacións direccionais de precisión.
O accesorio funciona cunha batería CR2032 substituíble e conta con protección IP54 fronte ao po e ás salpicaduras. A pantalla de tinta electrónica utiliza seis cores e ten unha resolución de 240 x 240 píxeles.

O produto comercialízase baixo licenza da marca Kodak mediante caixas sorpresa: hai oito deseños convencionais e unha edición especial metálica, cunha probabilidade de aparición dunha entre 64 unidades. Cada caixa inclúe tamén un marco de diapositiva coleccionable, unha tira de película en miniatura e un póster coas distintas versións.

O prezo para Estados Unidos é de 34,99 dólares por unidade, descoñecéndose polo momento se chegará ao mercado europeo (o que semella bastante probable, especialmente porque unha das plataformas que o comercializa é a propia Amazon).


