20xvinte chega ás 11.500 reproducións co seu vídeo de celebración do turismo galego

luns, 1 de xuño do 2020 S. P.

Estes días, malia a que está caendo, están a coller impulso iniciativas empresariais que espremen o potencial das redes e que abren novos e interesantes camiños de mercado e de comunicación. Como 20xvinte, que presentou no Facebook un vídeo que reivindica os moitos e variados reclamos turísticos, culturais, sociais e gastronómicos da nosa terra, e faino a través dunha mensaxe lanzada a milleiros de galegas e galegos: #ViaxaGalicia.
A orixe da proposta xurde de Mónica Castromil, directora de 20xvinte, a etiqueta que engloba as guías turísticas protagonizadas por xente local e que agora tamén se poden descargar íntegras da páxina web da súa empresa. O vídeo en cuestión xa atesouraba este primeiro de xuño a cifra nada desprezable de case 11.500 visualizacións. Segundo apuntan dende o Clúster de Turismo de Galicia, o dito audiovisual é a mellor maneira posible de celebrar a chegada do mes de xuño.