21 días co galego e + fixo ferver as redes coa súa innovadora proposta de dinamización lingüística

xoves, 8 de xullo do 2021 Pedro Pérez

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García

O programa de promoción do uso do galego 21 días co galego e +, cuxa orixe cómpre situala no IES da Pobra do Caramiñal (coa primeira versión da experiencia, 21 días co galego, impulsada pola profesora Pilar Ponte), contou coa participación de máis de 9.000 alumnos de 24 centros educativos desde a súa posta en marcha. Tamén tivo unha forte presenza dixital nas redes sociais e a través da web de seu (un blog permanentemente actualizado con mancheas de entradas).
Segundo fixo saber Valentín García, responsábel da Secretaría Xeral de Política Lingüística (encargada de estender a iniciativa alén do IES da Pobra), durante os anos que leva en marcha, o número de centros e alumnos foi medrando en cada unha das edicións, pasando dos 1.400 participantes no curso 2018-2019 aos preto de 4.000 no curso pasado.
“Os datos demostran que se está a consolidar como unha útil ferramenta para fomentar o emprego da lingua na mocidade participante e nos seus espazos de socialización”, expresou Valentín García, engadindo que este impacto estase a notar tamén nos espazos dixitais onde a iniciativa está presente a través dun blog, así como unha canle propia en YouTube e perfís en Facebook, Twitter, Instagram e TikTok onde se está a constatar “un aumento da fluidez na comunicación coloquial en lingua galega de todos os colectivos participantes”.
Neste sentido, 21 días co galego e + está a achegar bos resultados en canto ás competencias dos alumnos observándose un maior coñecemento da realidade lingüística e unha posta en valor dos dialectais propios así como un fortalecemento de nexos de unión coa comunidade educativa. Así, Valentín García recordou que entre as prioridades do Goberno autonómico está “seguir traballando en conseguir a transmisión e emprego da lingua nas familias e na mocidade, co fin de facela presente en eidos como Internet, os videoxogos e as zonas urbanas”.
Por outra banda, o secretario xeral de Política Lingüística defendeu o procedemento do CELGA, onde o número de matriculados superou os 1.500, o máis numeroso nos últimos anos. Por último, tamén se avanzou que o Goberno galego ten previsto levar a cabo este verán obras no CIP de Bembibre de Val do Dubra cun investimento de máis de 392.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros.
Dende A Pobra

No centro da imaxe, Valentín García e a profesora Pilar Ponte

A actividade 21 días co galego foi posta en marcha hai anos no IES da Pobra pola profesora Pilar Ponte, que foi quen de mobilizar a unha chea de rapazas e rapaces para que se lanzasen a falar a nosa lingua, sen interrupción, durante o número de xornadas que se estipula no nome do proxecto. Tal e foi a repercusión da proposta que a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, decidiu levala máis aló do local e estendela a todo o ámbito galego. Tal e como se prevía, o chimpo autonómico de 21 días co galego (chamado agora 21 días co galego e +) saldouse cun notábel éxito nas súas tres primeiras edicións.

PUBLICIDADE