3Dpregnancy, unha web de apuntamentos para as futuras nais
venres, 20 de xullo do 2007
Agora que o goberno de Zapatero semella que decidiu apostar forte polo incremento da natalidade en España, concedendo axudas de 2.500 euros a todas aquelas parellas (ou familias uniparentais) que teñan ou adopten un fillo, se cadra vén máis a conto que nunca incidir na web que veño de atopar (vía wwwhatsnew.com) na Rede, e que é ideal para os/as internautas que teñan decidido aumentar a familia.
Trátase de 3Dpregnancy, unha páxina que contén un calendario que lles permite ós futuros pais acompañar día a día a evolución do seu bebé dentro do ventre materno. No devandito calendario acompáñase información do tipo de peso e talla do cativo, evolucións que se van producindo na formación do seu pequeno corpo, así como imaxes de como é cada semana en 2D, 3D ou 3D rotation, que non é máis que unha fotografía tridimensional que vai rotando 360 graos sobre o seu eixo para poder ver o descendente dende varios puntos de vista.
3Dpregnancy tamén dá información sobre o que está a acontecer internamente no corpo da nai ó longo dos 9 meses de xestación e avisa sobre os posibles síntomas que esta poida sentir en cada etapa.
Nunha ligazón secundaria, a páxina incluso ofrece posibles nomes para o futuro “manchacueiros”, sexa neno ou nena, pero, iso si, que saibades que están en inglés co que dende Código Cero non volos recomendamos; pola contra, facemos promoción de nomes puramente da terra como Bieito, Xan, Xoana, Uxía, Brais ou Tareixa... e se non, Elías, que dese xeito estará de santo tal día coma hoxe (parabéns a tódolos Elías!).
