5 anos de cadea para o máximo responsable de Samsung

venres, 25 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Un tribunal surcoreano vén de ordenar a detención de Lee Jae-yong, herdeiro do imperio empresarial de Samsung polos cargos de suborno, malversación, perxurio e alterar as contas da empresa para agochar a doazón duns 43.300 millóns de wons (32,55 millóns de euros) para conseguir favores políticos, de xeito que o empresario tería que enfrontar 5 anos de cadea, o que faría que tivese que deixar a dirección da compañía que lidera dende 2014, cando o seu pai foi hospitalizado por un paro cardíaco. Curiosamente o proxenitor de Jae-yong tivera que deixar a dirección de Samsung durante un par de anos tras ser condenado por corrupción, e incluso o fundador da compañía abandonara o seu cargo por mor doutro escándalo (que incluso vedou ao seu primoxénito na empresa), de xeito que a saga familiar ten claras ligazóns con prácticas ilegais moi ligadas ao mundo da política, aínda que nos escándalos anteriores os empresarios non chegaron a ingresar en prisión.
Aínda que Lee Jae-yong é vicepresidente de Samsung, na práctica ocuparía a presidencia, aínda que a sucesión non se fixo efectiva porque supostamente o seu pai aínda está vivo, aínda que nos últimos anos foron frecuentes os rumores da súa morte e non se conseguiu ningunha evidencia de seguir con vida, xa que o seu ingreso hospitalario tratouse con total hermetismo, e numerosos investigadores tentaron verificar a condición de Lee Kun-hee sen éxito.
Dada a importancia global de Samsung no sector tecnolóxico a entrada en prisión de Jae-yong resulta preocupante, xa que a falta dunha dirección clara da compañía podería dificultar a toma de decisións, o que poder ser un serio problema nun mercado tan dinámico como o actual, aínda que non resultaría moi sorprendente que o herdeiro de Samsung recibise un indulto como aconteceu no pasado co seu pai, pois o peso de Samsung na economía surcoreana é tan importante que un mal funcionamento do conglomerado podería ter serias repercusións para o país.

PUBLICIDADE