638 mil euros en axudas á modernización e dixitalización do transporte en Galicia

mércores, 18 de outubro do 2023 Redacción

A Xunta concedeu un total de 103 axudas para a modernización e dixitalización das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada, destinado un orzamento de 638.000 euros, e o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución coa listaxe destas primeiras subvencións concedidas do 1 de xuño ao 30 de setembro de 2023, no marco da convocatoria lanzada o pasado mes de abril pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dirixida a autónomos e pemes do sector.
Mediante esta convocatoria perséguese incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector.
En concreto, dentro das distintas categorías de solucións de modernización das empresas do sector, outorgáronse nesta primeira quenda un total de 90 axudas dirixidas á implantación de sistema de tacógrafo intelixente de segunda xeración.
Ademais concedéronse 6 axudas á mellora de sistemas de ticketing e 3 a axudas aos servizos de transporte de viaxeiros.
Tamén se outorgaron 4 axudas, unha por categoría, á xestión de documentos de control electrónicos; á integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión; á implantación doutros sistemas de mellora; e á implantación de sistemas de axuda á explotación, SAE.
Unha vez ditada esta resolución de concesión da axuda, o beneficiario recibirá un cheque moderniza, pola contía correspondente á actuación para a que solicitou a axuda. No suposto de presentar 2 solicitudes para 2 categorías diferentes, recibirá 2 cheques moderniza. O prazo máximo para a formalización dos acordos será de 3 meses desde a notificación da resolución de concesión.