
As tecnoloxías de Xesol, como lembraremos, materialízanse en boa medida nun innovador asistente de condución smart (ADAS) que salienta por riba doutros recursos análogos por ser o que achega máis ángulos de visión aumentada da contorna do automóbil. Destaca pola súa ampla marxe de precisión e goza de todas as vantaxes da visión artificial (en troques de infravermellos e radares), integrando tres cámaras con esta tecnoloxía. Ademais, a ferramenta é quen de avisar ao condutor (a través dunha pantalla de elementos sonoros e visuais) de posibles riscos na estrada. Integra, tamén, os catro elementos de accion primordiais do vehículo, acelerador, freo, volante e marchas.
Amais, tamén marca diferenzas polo factor seguridade cos peóns e cos ciclistas que pon en xogo na súa integración con automóbiles. De feito, incorpora un sistema de detección de peóns (pederastian detection) cuxo principal reto foi ser de abondo intelixente como para saber identificar un camiñante entre os múltiples elementos que rodean o automóbil polos seus catro costados: saber distinguilo malia a variabilidade da súa aparencia (tamaños, feituras) e polos seus movementos (o reto de non seren estáticos).
Volvendo á valoración en 230 millóns de euros, Roberto Guiñales, responsable da Área Financeira de Advisory de Gesvalt, fixo saber que á hora de examinar o potencial da empresa galega e das súas tecnoloxías atenderon principalmente á correcta xestión da compañía e o seu plan estratéxico e a novidade dos seus produtos. Ao seu xuízo, non hai empresas que se poidan comparar a día de hoxe, unicamente unha firma israelí especializada en visión artificial para o coche autónomo Mobileye, que foi adquirida este ano pola multinacional estadounidense Intel por 14.300 millóns de euros.
Xesol, valorada en 230 millóns de euros
Compartir Este Artigo
