Os problemas da HBO por mor dunha importante intrusión nos seus sistemas continúan, agravándose ao filtrarse o último episodio de Game of Thrones (a serie estrela da compañía) antes da súa emisión, e aínda que inicialmente daba a impresión de que só pretendíase causar dano á HBO, agora podemos ter a impresión de que as intencións non son outras que quitar proveito económico a través da chantaxe.
Nas últimas horas os responsables da intrusión en equipos da HBO publicaron un vídeo no que aseguran ter superado a seguridade da rede da compañía tras 6 meses de traballo, á vez que filtran unha serie de correos electrónicos de uso interno desvelando plans empresariais e de mercadotecnia, para demostrar que teñen información sensible, tras o que demandan o pagamento dun rescate. Os criminais aseguran que a HBO foi o seu obxectivo número 17, e dos anteriores só 3 rexeitaron pagar.
Entre a última información filtrada figurarían un resumo do vindeiro capítulo de Game of Thrones, información de contacto de varios actores da serie , documentos confidenciais… un total de 3,4 GB de material sensible.
Dende a HBO están agora centrando os seus esforzos en analizar o sucedido e tomar medidas para que non se repita, aínda que o feito de que o roubo de información fose hai tempo dá a entender que queda moita información sensible por desvelar, e as vindeiras tres semanas (as que quedan para o remate da tempada actual de Game of Thrones) poden converterse en todo un pesadelo para a HBO.
A filtración da HBO desvélase como un caso de extorsión
Compartir Este Artigo
