Sen dúbida unha das grandes xoias arquitectónicas galegas é o Pazo de Mariñán, situado no concello de Bergondo e declarado Conxunto Histórico-Artístico dende 1972. Este fito do barroco galego é ademais un dos edificios oficiais da Deputación da Coruña, cuxo actual equipo de Goberno quere mostrar pór en valor os seus principais e máis senlleiros elementos. Como por exemplo as escalinatas do edificio, datadas no século XVIII e, en palabras da entidade provincial, “unha das pezas de maior singularidade e calidade artística do conxunto de Mariñán, e que distinguen ao edificio doutros pazos da nosa terra”. Para reivindicalas (e lucilas) a Deputación anunciou o compromiso de empregar as máis avanzadas técnicas de dixitalización. Con este fin, sacou a licitación a contratación dun servizo de escaneado láser para realizar unha reprodución en tres dimensións (3D) das escadas.
A tecnoloxía que se aplique, informa a entidade provincial, posibilitará a creación de imaxes dixitais de gran calidade “mediante unha nube de puntos, que posibilitarán visualizar cada compoñente da escalinata desde tódolos ángulos e posicións”. Ademais, a Deputación engadiu que as imaxes tridimensionais resultantes, alén de preservar documentación gráfica do estado actual da escalinata, servirán para “vindeiros labores de restauración, limpeza e arranxos puntuais”.
Como dixemos, as escadas principais de Mariñán data do século XVIII e están construídas por enteiro en granito. Inclúen unha manchea de gravados, esculturas e elementos ornamentais de gran valor artístico e histórico, incluíndose 14 bustos labrados en pedra, todos eles diferentes entre si, que se sitúan sobre as pilastras que delimitan cada treito das balaustradas. Segundo lembra a entidade provincial, “a función ou o significado concreto dos bustos de Mariñán considérase unha das cuestións máis enigmáticas do conxunto; algunhas estruturas parecen representar monxes, indios americanos, aztecas e persoas con vestimentas de diferentes épocas, pero non se sabe a ciencia certa a que personaxes representan”. Estes detalles e outros moitos elementos singulares, unido á necesidade de amosalos, reivindicalos e preservalos, están na orixe do proxecto que vén de impulsar a Deputación. “A calidade das esculturas”, explica a entidade, “fan aínda máis necesaria a documentación exacta das características de cada busto, facilitando así o seu estudo e que non se perdan os trazos únicos das pezas”.
A Deputación da Coruña reproducirá en 3D as escalinatas de Mariñán
Compartir Este Artigo
