A Concellería de Participación e Innovación Democrática do Concello da Coruña vén de dar a coñecer os primeiros datos da concorrencia cidadá na última fase do proceso de Orzamentos Participativos, unha iniciativa do Goberno local para tirar proveito das tecnoloxías da información (como praza pública, como canles de interacción, como recursos para que cada veciña e veciño poña o seu gran de area de acción pública) e impulsar a colaboración coa xente en materia de decisións e xestión. Segundo fixo saber a concelleira Claudia Delso, dende o día 8 deste mes (data de inicio da fase de votación) e ata onte pola mañá, máis de 700 cidadáns emitiron máis de 4.000 votos dirixidos ás súas propostas de cidade e distrito preferidas á través da plataforma dixital www.aportaaberta.coruna.es.
Segundo lembrou, aquelas que reciban máis apoios incorporaranse á proposta inicial de Presupostos da Coruña de cara ao ano que vén. A veciñanza ten ata o 24 de setembro para participar.
Delso tamén recordou que, co obxectivo de promover e facilitar a participación, o Goberno local habilitou nesta última fase dos Orzamentos Participativos dous novos puntos de información e dinamización: o sábado 16 no Obelisco e o sábado 23 na Praza de Pontevedra, en horario de 16:00 a 21:00. Nestes espazos a cidadanía atopará información detallada do proceso, amais de poder consultar as propostas candidatas e votar a través de dispositivos móbiles. Estes puntos contarán ademais con áreas de xogo e lecer para facilitar a conciliación. Precisamente este sábado 16, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a edil de Participación, Claudia Delso, coñecerán de primeira man estes novos espazos informativos.
A concelleira sinalou igualmente que do mesmo xeito que nas fases anteriores do proceso, o Concello puxo tamén a disposición das persoas interesadas en participar espazos de apoio en todas as bibliotecas e centros cívicos municipais, no Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX) e na Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, así como información detallada no teléfono de balde 010.
Os Orzamentos Participativos da Coruña xa rexistraron máis de 4.000 votos dixitais
Compartir Este Artigo
