O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) está a ultimar os detalles da sétima edición dun dos nosos eventos tecnolóxicos máis referenciais e dos que máis ramificacións abrollan (non só tecnolóxicas, senón tamén sociais, económicas, policiais e, por suposto, xudiciais). Estamos a falar da Xornada de Informática Xudicial, que se celebra o 4 de outubro na Cidade da Cultura en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Os fíos condutores desta nova entrega serán non só os relacionados coa ciberseguridade, senón tamén os da intelixencia artificial, un ámbito que mostra gran interese por ser, en boa medida, o seguinte chanzo tecnolóxico que nos agarda na escaleira da evolución TIC.

Segundo nos conta o CPETIG, a xornada reunirá un salientable panel de relatoras/es expertas/os do ámbito da avogacía, a enxeñaría informática, a maxistratura e as forzas de seguridade do Estado, que “darán unha visión integral da ciberseguridade e da revolución que supón a intelixencia artificial na aplicación da lei”.

Nun plano máis concreto e meténdonos xa no programa, sinalar que a intelixencia artificial na interpretación e na aplicación da lei, mediante un xuíz robot, será o tema de apertura da VII Xornada de Informática Xudicial, cun relatorio ofrecido por Alejandro Sánchez del Campo Redonet, regulatory counsel en Telefónica Digital.

A ciberseguridade e a peritaxe informática centrarán o terceiro dos relatorios, ofrecido por Pilar Vila, perita informática en Forensic &Security, seguido dunha mesa redonda sobre Privacidade e xustiza ante un mundo plenamente dixital, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico da xornada.


Como punto e final, #IURISTICGAL17 rematará cunha mesa redonda sobre Efectividade na persecución dixital de delitos e a súa validez probatoria na que actuará como relator e moderador Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional.
Inscrición anticipada ata o 24 de setembro
Segundo sinala o CPETIG, fara favorecer a asistencia a #IURISTICGAl17 nunhas “condicións vantaxosas”, estabñeceuse un prazo de inscrición anticipada ata o vindeiro 24 de setembro, tanto para público xeral como para entidades colaboradoras e persoas asistentes a anteriores edicións. Para máis información e inscricións cómpre visitar a web da xornada iuristicgal.cpetig.org
A ciberseguridade e intelixencia artificial, eixes temáticos da VII Xornada de Informática Xudicial
Compartir Este Artigo
