O estudo de gravación Casa de Tolos está a piques de facer subir un novo chanzo a súa canle Tolemias, que, como lembraremos, comezou sendo un servizo de subscrición da operadora R centrada na retransmisión de concertos en vivo, gravados na propia Casa de Tolos, e que agora en outubro inicia unha nova andaina como plataforma de vídeo por demanda baixo subscrición (SVOD, nas súas siglas en inglés) especializada na música en directo e a acompañada, en todos os casos, da máis alta calidade de imaxe e son. Tolemias, polo tanto, non é un proxecto novo. O que si que é novo é o fortalecemento do seu carácter internacional e a seu apuntalado ingrediente innovador (non hai, que saibamos, máis plataformas SVOD en streaming específicas e centradas en concertos). En palabras de Segundo Grandío, responsable deste proxecto que ten a súa base de operacións en Gondonar, a idea é chegar á máxima cantidade de público a través dos smartphones, os ordenadores e as pantallas de TV.
A orixe de Tolemias está na necesidade de buscar novos vieiros de facer chegar a música á xente, logo do esborrallamento do sector discográfico tal e como o coñecemos. Tolemias, que naceu en 2012 formando parte da grella de R ofrecendo concertos da escena galega, foi un exemplo desta busca de novos ámbitos de contacto. A experiencia foi positiva pero precisaba de novos cambios tecnolóxicos para espallarse e converterse en iniciativa autónoma. Segundo reflicte o CCG na súa web a través dunha pormenorizada reportaxe-entrevista, este mes de outubro é o intre definitivo deste proceso de medre, converténdose o espazo público Tolemias en distribuidora con empresa propia detrás, Tolemias on demand SL, e amplificando e reforzando catálogo con varios centos de concertos dispoñibles.
A idea, dentro de algo menos dun ano, é fornecer á comunidade de seareiros de actuacións celebradas alén da nosa xeografía, achegando a finais de 2018 un catálogo de actuacións en directo que vaia máis alá das 1.000 citas musicais, abranguendo de maneira progresiva todas as músicas, estilos e procedencias posibles. Igualmente, está previsto retransmitir concertos ou festivais en vivo e en tempo real. No eido das contribucións aos artistas, Tolemias promete “unha retribución xusta aos músicos polas visualizacións que se fagan as súas actuacións”.
No que atinxe á calidade subministrada, os contidos achegaranse como mínimo en HD con audio gravado en multipista e posproducido coas máis avanzas técnicas de traballo. Ademais, está previsto producir en 4K a medio prazo.
Tolemias convértese en plataforma de vídeo SVOD centrada na música en directo
Compartir Este Artigo
