A Deputación de Pontevedra vai organizar este mes de novembro media ducia de obradoiros TIC no edificio administrativo da entidade que preside Carmela Silva (na capital provincial) e máis nas instalacións de AEMPE Pontevedra, Estas actividades desenvólvense ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación, a rede SmartPEME, constituída polas sedes operativas de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, dende as que os profesionais da Deputación (en colaboración cos Concellos e as asociacións) despregan un importante labor de capacitación dixital ao servizo de autónomos, PEME e traballadores. A entidade provincial xa deu a coñecer os programas de Lalín, Cambados, Vigo, Porriño e Ponteareas. Polo que respecta a Cambados, o Centro Exposalnés acollerá en novembro seis obradoiros. No que atinxe á zona de Vigo (Vigo, Porriño e Ponteareas) desenvolveranse durante todo o mes de novembro un total de 18 obradoiros. En Lalín celébranse, tamén, media ducia de actividades.
Volvendo aos obradoiros de Pontevedra, comezan este martes 7 de novembro co taller Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial e seguirá cos seguintes cursos: o xoves 9 impartirase o obradoiro Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing; o martes, día 14, Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO; o martes 21 Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais; o xoves 23 de novembro Crea o teu propio logotipo con Canva, e Woocommerce I – A solución para vender por internet, o martes 28 de novembro. A única actividade que realizarase fóra do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra será o de Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO, que se organizará nas instalacións de AEMPE.
Como lembraremos, a oficina SmartPEME de Pontevedra está emprazada no Edificio Administrativo da Deputación, na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.es. Todas as actividades deste mes comezarán ás 19 horas agás o obradoiro que terá lugar en AEMPE, que arrancará ás 17:15 horas.
O proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
Pontevedra acubilla este mes seis obradoiros TIC ao abeiro de SmartPEME
Compartir Este Artigo

