Esta semana o alumnado de Belas Artes do Campus de Pontevedra (UVigo) tivo ocasión de participar nunha experiencia de realidade virtual, reconstrución en 3D e vídeo en 360 graos. No obradoiro, impartido polo ex-estudante da Facultade e director do estudo Máxima, Carlos Seijo, brindóuselles aos estudantes (a través do emprego dun capacete específico, o casco HTC Vive) a posibilidade de facer cousas nunca imaxinadas, como por exemplo visitar in situ o estudo do artista Francis Bacon. A experiencia, impulsada pola profesora Sol Alonso, inseriuse no programa de formación extracurricular da facultade e xuntou alumnado da materia Proxectos videográficos e estudantes de mestrado e doutoramento. Como dixemos, os participantes tiveron ocasión de empregar o casco HTC Vive, un dispositivo que, a través do uso de dúas estacións de recoñecemento que rexistran o movemento do usuario, permítenlle moverse en tempo real por un espazo en 3D.
A cita virtual tivo un precedente nunha xeira de traballo celebrada a semana pasada. Nela, Seijo procurou achegar ao alumnado unha visión introdutoria das diferentes iniciativas que se están a levar a cabo no eido da realidade aumentada, “aquela que engade a unha contorna real outra serie de contidos que non se atopan nese lugar”, así como a outra serie de experiencias “como, por exemplo proxectos, que se están a facer no mundo da arte con hologramas”, sinalou.

O alumnado de Belas Artes de Pontevedra somérxese na realidade virtual
Compartir Este Artigo

