Este 23 de novembro celébrase en Santiago, no Hotel Porta do Camiño, un encontro profesional sobre tecnoloxías smart aplicadas á agricultura e a gandería. Trátase dun seminario abeirado ao programa europeoAgroSmartCoop, cuxo obxectivo é impulsar a innovación e a colaboración entre cooperativas de Francia, España e Portugal. O seminario, que xuntará a reitores, directivos e técnicos de cooperativas dos tres países veciños, diríxese a informar das tendencias en innovación sustentable, comercialización e mercadotecnia intelixente a nivel europeo.
Como lembraremos, o proxecto AgroSmartCoop está liderado por AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias) e constituído por oito entidades beneficiarias de seis contornas europeas pertencentes aos ditos tres países: Galicia, Castela A Mancha, Euskadi e Estremadura en España; Nouvelle – Aquitaine en Francia e o Norte de Portugal.
Entre outros representantes da innovación no agro, contarase coa experiencia de Dcoop, o maior grupo produtor mundial de aceite de oliva virxe, que presentará o seu xeoportal para controlar as explotacións dos socios a través de tecnoloxías da información (Premio á Innovación 2017 de mans de COPA COGECA). O programa de relatorios tamén inclúe presentacións da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (dando a coñecer as claves para unha comercialización intelixente de produtos), de CapsaFood, da Aula de Produtos Lácteos da USC, da Organización Interprofesional do Viño de España (OIVE), de DairyLac, e da Casa Grande de Xanceda (empresa galega adicada á produción ecolóxica e sustentable de produtos lácteos).
Santiago acolle esta semana unha xornada europea sobre agricultura smart
Compartir Este Artigo

