Este 20 de novembro presentouse en Ourense un programa de apoio dixital para as empresas da provincia que queiran abrir mercado e espallar actividade noutros países. A iniciativa, inserida no Plan ExportOU, foi dada a coñecer nos seus detalles polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, o presidente da Confederación Empresarial de Ourense, José Manuel Pérez Canal e o director da empresa de novas tecnoloxías Contatc Comunicación, César González. A plataforma dixital de programa ExportOU, impulsada pola Deputación e a CEO, dispoñibilizará en Internet un completo catálogo de empresas ourensás, as cales poderán recibir asesoramento no marco do programa de desenvolvemento dixital.
O presidente da Deputación aproveitou a oportunidade para facer un percorrido por diversos éxitos de espallamento comercial liderados por empresas locais, un camiño, o da internacionalización, “que moitas outras poderán seguir con estas ferramentas de apoio á exportación que hoxe presentamos, que serán un instrumento de planificación, optimización, estudo e posicionamento”.
Pérez Canal definiu a plataforma dixital ExportOU como unha xanela “ao mundo dende a nosa provincia”, e César González explicou que o portal achegará información de empresas, produtos e servizos, ademais de fontes de financiamento, programas formativos, novas e eventos relacionados coa internacionalización.
Xunto á plataforma, presentouse o Programa de Dixitalización para a Internacionalización de Empresas de Ourense, que permitirá, en palabras dos representantes das ditas entidades, “acompañar ás firmas participantes no seu camiño exportador desde o primeiro momento” e tamén fortalecer a aquelas que xa iniciaran a súa aventura comercial no exterior, por medio de estudos personalizados de desenvolvemento dixital (destinados a coñecer o estado de cada empresa na Rede); realización de plans de traballo e imaxe corporativa e posicionamento en redes sociais, así como análise de resultados de internacionalización.
O programa ExportOU é unha iniciativa froito do convenio de colaboración entre a Deputación e a CEO coa finalidade de difundir internacionalmente a Marca Ourense e favorecer aperturas de novos mercados para as empresas da provincia.
A Deputación de Ourense e a CEO lanzan un programa de apoio dixital para a busca de novos mercados
Compartir Este Artigo

