Peter Brandon. Unha vida pola comedia é a terceira serie de Porco Bravú, que puido facerse realidade grazas a facerse co Premio ao mellor proxecto de webserie en galego do Carballo Interplay 2016, pero curiosamente, pese a ser un proxecto orientado á súa distribución en liña, a súa traxectoria por distintos festivais está a adiar a súa estrea en liña, que finalmente será o vindeiro domingo dun xeito moi especial, xa que, en vez de publicarse os contidos directamente para a súa reprodución baixo demanda, a emisión realizarase mediante un stream en directo a través de YouTube.
Dende Porco Bravú quixeron facer unha estrea en liña moi especial, de xeito que o día 17 ás 12:00 horas realizarán catro pases do primeiro capítulo de Peter Brandon, o falso documental protagonizado por Pedro Brandariz, completando as distintas retransmisións con conexións en directo antes e despois co equipo técnico que fixo posible esta produción e que responderá a preguntas a través de Facebook, Twitter e Instagram, onde conversarán a través dos cancelos #PeterBrandon e #BrandonDay.
En Peter Brandon podemos ver numerosas caras coñecidas do panorama audiovisual galego, como María Tasende, Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, María Costas, Evaristo Calvo, Isabel Risco ou Daniel Vilaverde, e incluso chega a introducirse na propia gala dos Premios Mestre Mateo, reforzando este formato no que quere amosarse a face máis triste do humor ao seguir os pasos de Pedro Brandariz na súa reformulación artística como Peter Brandon.
Vídeo no que explican como será a estrea en liña de Peter Brandon o vindeiro domingo
