Finalmente chegou ao seu remate a terceira edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay. Un dos puntos máis salientables do último día do certame (este sábado) foi sen dúbida a entrega de galardóns, un “ir desvelando recoñecementos” que achegou algunha que outra sorpresa ben agradable, como a concesión do Premio de Honra ao humorista Pedro Reyes, recentemente falecido. Foi decisión unánime do xurado e a organización, segundo fixo saber a directora do festival Sonia Méndez, quen destacou a figura de Reyes como “un persoeiro que xa non está co nós pero que admiramos profundamente”. O homenaxeado, de feito, protagonizaba unha das webseries da sección oficial, Pedro Reyes For President, na que se conta a súa chegada á presidencia do Goberno facendo gala dun lema que se cadra debera levarse máis veces á práctica: o lema da honestidade brutal.
Segundo salientou o xurado e a organización do certame da vila bergantiñá, os premios desta edición “estiveron moi repartidos”. As gañadoras foron El Partido, de Álex Rodrigo, que se alzou cos premios de Mellor webserie de imaxe real e de Mellor dirección coa súa historia de “corruptelas políticas”; Poetarras, que recuncan no premio á Mellor webserie en versión orixinal en galego, categoría na que xa gañaran na primeira edición do CIP; Arthur resultou ser a Mellor webserie internacional, coa súa historia dun asasino en serie que quere mudar de dedicación na vida, categoría na que recibiu unha mención especial Aventuras de Corazón roto; Orfanato Atroz, que acadou o de Mellor webserie de animación, coa súa historia “dun universo esmendrellado e aleatorio”, categoría na que houbo mención especial para Niño Ratón.
David Sainz, pola súa parte, gañou o Premio AGAG ao mellor guión, por El Colega Canario, a historia dun panoco virxe que tamén lle valeu o de mellor actor a Óscar Lara. Pola súa banda, Esperanza Guardado gañou o Premio á mellor actriz, por Briget Jon de Triana. As persoas que asistiron ás proxeccións concederon cos seus votos o Premio do Público a Beto, a historia dun rapaz sen traballo nin parella, segundo sinalan os creadores “cunha vida social limitada”.
O Premio ao mellor proxecto de webserie en galego foi para Peter Brandon, de Porco Bravú, falso documental protagonizado polo humorista Pedro Brandariz.
Carballo Interplay 2016 homenaxea a Pedro Reyes e premia as webseries El Partido e Poetarras
Compartir Este Artigo
