Autoras galegas como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal son algunhas das escritoras cuxas obras veñen de dar o chimpo ao formato ePub, co fin de achegarse ao máximo ás novas xeracións e á comunidade (crecente) de lectores en formatos dixitais. Así nolo contan hoxe as entidades estatais Red.es e a Biblioteca Nacional de España, que, no marco do seu convenio de traballo conxunto, están a incluír no devandito formato (compatible con tabletas, e-readers e mesmo con móbiles) as coleccións dixitais da Biblioteca (a Biblioteca Dixital Hispánica). A iniciativa, máis polo miúdo, supón a posta a disposición dunhas 700 obras en arquivos ePub.
Hai obras de literatura, lingua, historia, xeografía, medicina, biografías e viaxes. A maiores, achégase unha colección de mulleres autoras en cuxa escolma traballou un grupo de investigación da UCM e que xa está dispoñible na Biblioteca Dixital Hispánica. Para esta colección de e sobre mulleres recompiláronse títulos de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Carmen de Burgos, Hildegart ou Concepción Arenal, e tamén obras como Un retrato de muller de José Selgas, A emancipación da muller de Jacques Novicow ou A muller de todo o mundo de Alejandro Sawa.
Igualmente, están xa accesibles obras de literatura do século XIX e XX de autores tamén galegos como Valle-Inclán, aos que se engaden Lorca ou Alarcón, entre outros moitos.
Os libros poden descargarse en arquivo ePub ben mediante a icona habilitada na listaxe de resultados, ou ben unha vez accedendo directamente á obra. O obxectivo deste proxecto é duplo: por unha banda permitir a lectura destas obras en dispositivos electrónicos e así poder ofrecer novos formatos de acceso ás coleccións dixitalizadas da BNE, e pola outra corrixir textos obtidos mediante recoñecemento óptico automático dos documentos en PDF.
Notable presenza das escritoras galegas nas coleccións dixitais da BNE lanzadas en ePub
Compartir Este Artigo
