O pasado mes de outubro Twitter anunciou que estaba a preparar unha función para facilitar o gardado de chíos de interese, e finalmente é hoxe cando inician a implantación global de tal prestación que na versión en galego da web responde ao nome de Marcadores mentres que nas aplicacións móbiles (en español) chámase Elementos guardados.
Deste xeito, cando queremos conservar algún chío para poder consultalo logo con calma non teremos que recorrer a aplicacións de terceiros como Pocket, senón que simplemente teremos que premer no último botón dispoñible baixo o chío e elixir a opción de Engadir chío aos marcadores.
Para acceder aos Marcadores que teñamos gardados está dispoñible tal opción no menú principal de Twitter, entre as opcións de Listaxes e Momentos, e que achegará a relación de mensaxes gardadas para interactuar con elas con normalidade.
A opción de compartir que temos agora en Twitter é así máis versátil que antes, xa que deixa enviar chíos mediante mensaxes directas, gardalos para máis tarde e compartilos mediante a función xenérica do noso dispositivo.
No momento de escribir estas liñas os Marcadores están a chegar a usuarios de Twitter para iOS, Android, Twitter Lite e a versión móbil da web de Twitter.
Twitter permite gardar chíos en Marcadores
Compartir Este Artigo
