Tras varios adiamentos a nova grande actualización de Windows 10 xa ten data para o inicio da súa distribución, o 30 de abril, de xeito que a partires do vindeiro luns será posible instalar a chamara Abril 2018 Update, que pode manter o seu nome in extremis. Esta actualización, en vez de apostar pola creatividade como as anteriores, quere centrarse en permitir que os usuarios poidan aproveitar mellor o seu tempo.
A función que claramente máis contribuirá a no malgastar o tempo será Liña de tempo, funcionalidade que permitirá viaxar atrás no tempo en ordenadores con Windows 10 para atopar arquivos, sen importar se estabamos a traballar con lees hai 2 horas, unha semana ou un mes. A Liña de tempo poderá recuperar actividades do PC, así como o que se estivese a facer con Microsoft Edge ou Office 365 en dispositivos iOS ou Android.
A actualización tamén estrea o Asistente de Concentración, opción que permitirá desactivar distraccións de redes sociais (e outras notificacións) cando precisamos centrarnos en certo traballo, sendo posible activar tal funcionalidade para que se active a determinadas horas, de xeito que ao rematar o tempo estipulado recibirase un resumo das notificacións, os correos electrónicos ou as actualizacións recibidas durante ese tempo. Tamén será posible escoller a persoas das que as súas notificacións chegarán sempre (ou sexa, que teriamos no ordenador o equivalente o modo Non Molestar que temos en moitos smartphones).
Microsoft Edge tamén quere axudar á concentración, permitindo silenciar pestanas con audio ou permitindo que tanto documentos en PDF como páxinas poidan verse a pantalla completa nunha Vista de Lectura. Tamén mellora a impresión de páxinas web a través da opción Impresión Ordenada, e tamén contarase cun mecanismo de completado automático de formularios web de pagamento (para axilizar as compras en liña).
Outra funcionalidade moi interesante, que inicialmente non estará dispoñible en español, será o Ditado, xa que será posible premer a tecla de Windows e a letra H cando esteamos en calquera caixa de texto para poder falar e que as nosas palabras se transcriban a texto de xeito automático.
A Liña de Tempo é a característica estrela desta grande actualización de Windows 10
