O servizo de streaming musical Tidal, recentemente estreado en España da man de Vodafone, vén de realizar un anuncio bastante rechamante: estreará en primicia un álbum inédito de Prince. Os responsables do patrimonio de Prince chegaron a un acordo con Tidal para que esta plataforma, creada por un consorcio de artistas como Jay-Z, poida ofrecer aos seus subscritores o novo álbum de Prince que verá a luz en 2019 catorce días antes que o resto de servizos de streaming.
Polo momento, este novo álbum do artista de Minneapolis e toda unha incógnita, xa que nin sequera se coñece a distribuidora que o comercializará en formato físico, e o único que transcendeu polo momento é que a súa estrea dixital será en Tidal.
Este lanzamento sería independente ao álbum con material inédito que Warner Bros. Records comercializará en setembro (que incluirá material gravado ata 1996), pois achegará temas gravados despois de que Prince cesase a súa relación coa Warner. Diso podemos entender que o pasamento de Prince non evitará que durante os vindeiros anos se publiquen varios álbums con material inédito, aínda que tal explotación comercial poida considerarse un atentado á súa memoria (se o artista non considerou os temas dignos da súa publicación no seu día non parece razoable que vexan a luz coa súa sinatura).
Tidal estreará en dixital un novo álbum de Prince
Compartir Este Artigo
