Tidal chega a España acompañada por Vodafone

xoves, 15 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A relación de Prince cos formatos de música en liña foi sempre complicada, e en 2015 fixera unha xogada bastante curiosa ao eliminar a súa música dos servizos de streaming máis populares para logo estrear o seu novo álbum na única plataforma en liña que mantiña a súa discografía en streaming, Tidal, que era toda unha descoñecida en España, o que muda a partires de hoxe, xa que este servizo que é un directo competidor de Spotify, Apple Music e Prime Music desembarca no noso territorio da man de Vodafone.
Deste xeito a plataforma musical que conta entre os seus propietarios a artistas como Beyoncé, Calvin Harris, Coldplay e JAY-Z entra con bo pé no noso mercado, xa que os clientes de Vodafone poderán gozar inicialmente de balde do servizo, o que facilitará a captación de clientes de pagamento futuros.
Tidal conta con máis de 52,7 millóns de cancións, máis de 207.000 vídeos musicais, listaxes musicais seleccionadas e moitos contidos exclusivos, que os clientes de Vodafone poderán reproducir inicialmente de balde, xa que os clientes con plans Red L, One L, Internet Móbil M e +Líneas L/+Líneas Datos M ou superiores recibirán 2 anos de subscrición de balde; os que teñan tarifas Red M, One M, Internet Móvil S e Líneas M/+Líneas Datos S poderán gozar de 1 ano de subscrición de balde; e o resto de clientes de Vodafone poderán gozar de 3 meses de proba dun servizo que para clientes de Vodafone custará 8,99 euros/mes para a súa modalidade Premium ou de 17,99 euros/mes para a modalidade HiFi (que ofrece unha maior calidade sonora). Os que non sexan clientes de Vodafone só poderán gozar de 1 mes de balde e os prezos da subscrición mensual serán de 9,99 euros para Tidal Premium e 19,99 euros para Tidal HiFi. Tamén están dispoñibles plans familiares para 5 membros (a 14,99 e 29,99 euros/mes respectivamente) e plans para estudantes (a 4,99 e 9,99 euros respectivamente).
O servizo de Tidal funciona en smartphones, tabletas e ordenadores persoais, sendo tamén compatible con reprodutores como os altofalantes conectados Sonos (e outros produtos semellantes), e como vén a ser habitual nestes servizos de pagamento, aparte da reprodución en streaming tamén contan con Modo Offline para poder gozar da música en mobilidade sen consumir datos ou onde se carece de conexión.

Tidal conta con aplicacións para ordenadores persoais e dispositivos móbiles, aínda que tamén é posible gozar do servizo vía web

PUBLICIDADE