Nas últimas semanas, un relevante número de investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade de A Coruña recibiron diversos galardóns a nivel nacional e internacional grazas ao seus traballos, todos eles co nexo común de ser innovadores e revolucionarios en cadansúa área tecnolóxica. Trátase, máis en detalle, de Adrián Gómez-Brandón (premio Capocelli Prize), Ramón Doallo (Premio Nacional de Informática), David Vilares (Premio de Investigación na modalidade de Mozos Investigadores) e Joaquim de Moura (Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática).
Adrián Gómez-Brandón

O centro de investigación coruñés salienta que é a primeira vez que un estudante dunha universidade galega recibe a devandita distinción, sendo a segunda para unha universidade española. O Capocelli Prize é un recoñecemento concedido polo Comité de Programa da Data Compression Conference, que se vén realizando anualmente desde 1994.
Ramón Doallo

Doallo, que ademais de investigador do CITIC é catedrático da Facultade de Informática da Universidade de A Coruña no Departamento de Enxeñería de Computadores, obtivo o premio na categoría Aritmel, segundo o xurado, “polas súas sobresaíntes achegas á arquitectura e tecnoloxía de computadores ao longo da súa traxectoria investigadora, así como pola súa intensa actividade de transferencia de resultados ao sector empresarial e o seu recoñecido liderado científico”.

David Vilares
Concedido tamén pola SCIE e a Fundación BBVA, David Vilares obtivo o Premio de Investigación na modalidade de Mozos Investigadores. O investigador posdoutoral no laboratorio FASTPARSE do Grupo LYS, pertencente ao CITIC, destacou “polas súas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos para o procesamento da linguaxe natural, con especial énfase na aplicación da análise de sentimentos en redes sociais”.

Joaquim de Moura
Pola súa parte, o investigador da área de percepción, cognición e interacción do CITIC, Joaquim de Moura, gañou o Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática, convocado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), polo seu TFM do Máster Universitario en Enxeñería Informática da Universidade de A Coruña, titulado Reconstrución 3D da árbore arterio-venosa da retina a partir de imaxes OCT.

