O Concello de Santiago entregou os premios da terceira edición do seu certame Fotolingua, destinado a recoñecer o compromiso dos establecementos locais a prol do galego nas súas comunicacións, off-line e dixitais. Onte mesmo, o alcalde Martiño Noriega achegou agasallo do primeiro premio a Rocío Martínez, propietaria da tenda de agasallos Mononoke, protagonista da imaxe que obtivo máis gústame nas redes sociais do certame.
O alcalde mostrou a súa satisfacción polo éxito do concurso, que “nesta terceira edición pechouse con case 300 imaxes únicas publicadas en Facebook e Instagram, fronte ás 98 da edición pasada, e ademais nalgún caso duplicadas nas dúas redes sociais utilizadas no certame”. Segundo fixo saber, o devandito demostra “non só a consolidación do Fotolingua, senón tamén que cada vez son máis os establecementos comerciais que apostan por utilizar o galego, conscientes de que é un valor engadido para o negocio”.
O alcalde lembrou tamén que o Concello ten en marcha outras iniciativas para fomentar o uso da nosa lingua no ámbito empresarial e comercial, como as axudas para a publicidade comercial en galego ou os Premios Manuel Beiras, convocados en colaboración coa Cámara de Comercio.
Imaxes premiadas
Fotolingua bota man de Facebook e Instagram para darlle visibilidade ao uso do galego no ámbito comercial, reforzando os establecementos que o empregan e animando a outros a que o fagan. En cada edición escóllense dúas imaxes gañadoras, unha seleccionada pola organización e outra elixida polo público cos gústame. As gañadoras reciben de agasallo cadansúa cámara Polaroid Snap.
A imaxe premiada polo público nesta terceira edición foi a publicada en Instagram por @orballoooo, recollida no escaparate da tenda de agasallos Mononoke, da rúa de San Pedro. A imaxe obtivo 394 likes. Dende a organización seleccionouse a imaxe publicada en Facebook por Ana Arceo Túñez da lavandería Rodela, na rúa de Alejandro Pérez Lujín. Ademais, o Departamento de Lingua, que xestiona esta convocatoria, quixo destacar tamén a especial atención que lle adicaron ao concurso dous dos participantes: Xaime Varela Sieiro e Rafael Rodríguez Rey.
Na terceira edición do concurso Fotolingua presentáronse 300 imaxes únicas de establecementos de Santiago que utilizan o galego nas súas comunicacións.
O Concello de Santiago entrega os premios de Fotolingua
Compartir Este Artigo

