Hai conexión entre o tempo que pasamos diante da pantalla dun computador, avaliando datos de maneira exhaustiva, e as doenzas cervicais? Sen dúbida si, e cómpre que teñamos en conta esa relación causa-efecto á hora de poñer en práctica metodoloxías que atenúen as consecuencias dunha mala postura diante do noso equipo, ou dun exceso de tempo perante unha pantalla rebordante de información sen acompañar dos debidas medidas de distensión. Isto é o que nos lembra a investigadora da UVigo Tania García na súa tese de doutoramento, realizada con con traballadores da Consellería de Sanidade.
Segundo indica no seu traballo, existe unha clara “relación significativa” entre o tempo que as persoas fican sentadas nunha pantalla de visualización de datos e o índice de discapacidade cervical, “o grao de afectación” na vida diaria da dor de pescozo.
A investigadora, que pertence ao grupo Gies-10 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra, sinala que “a relación entre a postura durante o traballo co ordenador e a dor de pescozo segue sendo discutible”, xa que “aínda non están claras as relacións existentes na literatura científica”. De aí que o propósito central da súa tese (Análise descritiva-interpretativa sobre o impacto das pantallas de visualización de datos na postura corporal, dirixida pola profesora Águeda Gutiérrez) fose afondar nos efectos destas pantallas nunha patoloxía, como son os problemas cervicais, que segundo datos da Organización Internacional do Traballo (OIT) sofren preto do 40% dos traballadores e traballadoras.
O seu traballo incluíu enquisas pormenorizadas a 90 voluntarios e voluntarias da dita Consellería e, entre outras cousas, a posta en práctica dunha técnica da fotogrametría (a realización de fotografías tres metros por riba do suxeito) que foron analizadas a través dun software de avaliación postural. Este método permitiulle constatar “que todos os participantes no estudo mostraban algún tipo de alteración postural”. Concretamente, o 76% presentaba un ángulo de cabeza adiantado, aspecto que, explica, “correlacionouse coa presenza de dor cervical”, mentres que o 51% presentaba os ombreiros redondeados, situados de xeito adiantado respecto do “modelo postural ideal”.
Tamén achou “relacións significativas” que constatan a influencia do índice de masa corporal na postura cervical ou a relación entre o uso do teléfono móbil e os ángulos do ombreiro, máis adiantados nos casos das persoas que lle daban maior uso.
Tendo en conta as conclusións do seu estudo, a investigadora salienta nas conclusións que as intervencións en materia de saúde no ámbito laboral “deberían centrarse non só no aumento dos niveis de actividade física, senón tamén en reducir o tempo que os empregados pasan sentados no traballo”.
Unha investigadora da UVigo salienta a relación entre o exceso de computador e os problemas cervicais
Compartir Este Artigo

