As novas tecnoloxías estarán presentes na programación complementaria do Campus de Pontevedra para o vindeiro ano, impulsada pola Vicerreitoría e materializándose xa nunha ampla oferta (non só de novas tecnoloxías) de obradoiros de extensión cultural para o primeiro cuadrimestre. En total ofértanse nove cursos de diversos eidos como arte, música, cine, danza ou ferramentas dixitais que se desenvolverán entre os meses de setembro e novembro e para os que a pre-matrícula se abrirá do 23 de xullo ao 13 de agosto.
Os primeiros en arrancar farano o 10 de setembro, coincidindo co inicio do curso e son os obradoiros de cinema comparado e de uso de motores gráficos. O primeiro deles, Reflexos fílmicos. Obradoiro de cinema comparado, pretende formar a ollada crítica do alumnado sobre o cinema e as formas audiovisuais mediante a comparación directa entre obras sen relación aparente entre si.
Pola súa banda, o curso de uso de motores gráficos-UNITY-Perfiles non técnicos baséase na aprendizaxe do funcionamento dos motores gráficos, así como a familiarización cos termos e nomenclaturas empregadas no deseño e desenvolvemento de produtos de entretemento interactivo, videoxogos, etc.
Unha semana máis tarde, o día 17, comezan outros dous obradoiros, neste caso sobre programación radiofónica e sobre lingua de signos. O primeiro deles consiste nunha iniciación á creación dun programa de radio co obxectivo de dar a coñece ao alumnado as distintas ferramentas necesarias para a creación dos diferentes contidos dun programa.
O curso de lingua e cultura da comunidade xorda ofrece aos asistentes a posibilidade coñecer una lingua visoxestual, facendo un repaso pola crenzas erróneas sobre as linguas de signos e a comunidade e cultura xorda.
O día 1 de outubro dará comezo outro dos obradoiros do primeiro cuadrimestre, desta volta centrado en aplicacións coa placa de hardware e software libre Arduino. A finalidade é que estudantes “comprendan e saiban aplicar diferentes aspectos” relacionados coa programación na dita placa, coñezan as características destas tecnoloxías e shields máis comúns e poidan executar programas no microcontrolador, entre outras competencias.
Un día máis tarde botará a andar o obradoiro de iniciación á impresión 3D con materiais innovadores, no que se tratará de achegar a todos os asistentes estes novos compoñentes, ligados á impresión en 3D, ademais da análise dos filamentos e como se comportan. Segundo informa a Vicrerreitoría do curso a respecto desta acción formativa, subminístrase con ela a posibilidade de asesorar e axudar a crear todo tipo de proxectos que xa están en marcha tanto por alumnos de Enxeñaría Forestal, Belas Artes e mesmo Comunicación Audiovisual.
O día 11 de outubro comeza o curso de introdución á danza tradicional galega e un pouco máis tarde, un actividade formativa de cerámica. A programación péchase co curso de iniciación á escalada en rocódromo, que se desenvolverá do 19 de outubro ao 23 de novembro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Os videoxogos, a placa Arduino e a impresión en 3D, presentes nos vindeiros cursos do Campus de Pontevedra
Compartir Este Artigo

