A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de someter a exame o servizo dos operadores que desenvolven o seu labor na nosa terra, atendendo aos seguintes parámetros: a calidade e as reclamacións en telefonía fixa e móbil e banda larga fixa. A fonte informativa son os datos depositados polos mesmos na SETSI (Secretaría de Estado das Telecomunicacións e da Sociedade da Información) e as estatísticas de reclamacións da Oficina de Atención dos Usuarios das Telecomunicacións (OAUTEL) durante o 2017. Sen dúbida un dos datos máis rechamantes é a posición dos servizos achegados por Vodafone e Orange en materia de calidade móbil, que ocupan os últimos postos da clasificación. Na beira oposta sitúase Movistar.
Atendendo ós niveis de calidade do servizo fixo, móbil e Internet, Movistar obtén a mellor valoración do servizo con 8,63 puntos sobre 10. Séguelle Euskaltel con 8,58 puntos, situándose a continuación Telecable 2 con 7,21. Logo, atopamos ao operador galego R (7,14). Pechan a clasificación o Grupo Vodafone (6,94) e o Grupo Orange (6,69).
O caso de Movistar
Respecto do Grupo Movistar, salienta nos seguintes puntos: a fiabilidade da súa rede (cun baixo índice de avarías tanto en Internet, do 2,29%, como en telefonía, do 1,25%) e a calidade do servizo técnico. Nos dous parámetros, informa UCGAL, rexistra poucas horas para reparar e unha alta porcentaxe de amaños no tempo comprometido. Ademais, o seu caudal de descarga e subida anda a rentes do 80% en ADSL, sendo en móbiles do 69% (descarga) e do 60% (subida) con diferenzas de ata 23 puntos porcentuais na baixada en relación cos seus competidores, e 9 na subida. En materia de FTTH (fibra ata o fogar), as porcentaxes de Movistar son do 95% (descarga) e do 90% (subida). Ademais, segundo explica UCGAL “presenta o menor índice de reclamacións en servizos móbiles de prepagamento e en servizos converxentes”.
Respecto das “feblezas” de Movistar, céntranse nos tempos de resolución de reclamacións en fixo e móbil, que son de arredor de 15 días (aliñados con outros), e as reclamacións de telefonía móbil ante a OAUTEL, que teñen unha taxa do 2,80.
O caso de Vodafone
Polo que atinxe a Vodafone, que integra os datos correspondentes a Ono e Vodafone, achega (segundo o estudo) “poucos índices aceptables”. Así, os seus tempos de resolución de reclamacións en fixo son de sete días, e en móbil de 5. Tamén presenta, sinala a investigación, unha boa resposta nos caudais de descarga e subida en banda larga fixa: un discreto volume en descarga en ADSL (73%) e mellor na subida (80%) e unha taxa do 95% en cable. Nos puntos febles, “ten un alto nivel de avarías en fixa (3,21%) e preto do 3% en Internet”. Ademais, tampouco destaca en “resposta técnica tampouco”, explícase, poñendo o foco en que o tempo de reparación supera as 60 horas en telefonía e aproxímase ás 68 en Internet, e só repara, en ambos servizos, un 90% e un 80% no tempo comprometido. Ademais, é o operador “que máis reclamacións declara en fixo, facturación de móbil e nos servizos de prepagamento, entre o 1% e o 4%”.
Os datos de Orange
No que atinxe a Orange, tamén presenta as súas fortalezas e os seus puntos febles. Entre as primeiras, mostra un baixo nivel de queixas ante a OAUTEL en móbil (do 1,64%). Ademais, a velocidade de descarga ADSL é do 81% e en FTTH do 99%. Entre as debilidades atópanse as seguintes: uns índices de avarías en fixo e Internet próximos ó 3,5%, un tempo das reparacións de máis de 90 horas e unha porcentaxe de avarías reparadas que supera lixeiramente o 85%, tanto en telefonía como Internet. Tampouco salienta o índice de reclamacións en fixo, cun 2,55%, e en móbil, cun 1,70%.
Operadores autonómicos
No caso dos operadores autonómicos, o galego R destaca polo seu bo índice de avarías no servizo fixo e polo nivel aceptable das reparacións levadas a cabo, 92% en 48 horas. Segundo o estudo, R obtén o menor índice de reclamacións sobre facturas de móbil (0,30). Ademais, o seu caudal de descarga con tecnoloxía HFC é do 94%, e de subida do 97%. Entre os seus puntos febles atópase “o peor rexistro de avarías de Internet”. Así, a reparación de avarías elévase a 64 e 74 horas segundo se trate do servizo fixo ou Internet, indica UCGAL, engadindo que no apartado de reclamacións sobre telefonía fixa R obtén “un dos peores datos (3,34)” así como tamén obtén “un pobre resultado” no tempo de resolución de reclamacións en fixo (19 días) e móbil (22).
Polo que respecta a Euskaltel, salienta polo seu baixo índice de avarías en fixo e Internet e por un servizo técnico que liquida as avarías en 29 horas (fixo) e 48 horas (Internet), conseguindo un índice de reparación do 98% e do 95%, respectivamente. Ademais, con tecnoloxía cable módem, a operadora éuscara logra unha velocidade de descarga do 91% e unha velocidade de subida do 97%. Por outra banda, presenta un baixo índice de reclamacións no servizo fixo (1,86%) e móbil (0,82%). No apartado de debilidades, destaca unha porcentaxe de queixas en prepagamento que se aproxima ao 0,2% e un tempo de resolución de reclamacións próximo aos 12 días tanto en fixo como en móbil.
No caso de Telecable, loce o segundo mellor índice de avarías en Internet (2,53%). Ademais, o caudal de descarga en FTTH acada o 97%. Nas debilidades, o caudal de subida en FTTH é do 65%, en palabras de UCGAL “un nivel asimétrico e pobre”. Ademais, ocupa a cuarta posición en porcentaxe de avarías en fixo (1,81%) e tarda en reparar problemas de servizo entre 82 e 101 horas segundo sexan de telefonía ou Internet.
Puntuación calidade móbil
Atendendo exclusivamente aos datos sobre o servizo móbil para poder avaliar ao Grupo MásMóvil (composto por Yoigo, Pepephone, MásMóvil e Llamaya), a primeira posición tamén a ocupa o operador Movistar (7,65) ao que segue MásMóvil con 7,64. A continuación, nesta orde, veñen Orange, Euskatel, Vodafone e R.
Movistar refórzase no primeiro posto das operadoras en materia de calidade e reclamacións atendidas
Compartir Este Artigo
