O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución conxunta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) coa que se abre o período de consultas preliminares ao mercado para deseñar as solucións e servizos que permitirán adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo.
Este é o primeiro paso do proceso de compra pública innovadora co que ambas entidades buscan materializar os obxectivos do convenio asinado a pasada semana para incorporar á oferta da televisión pública contidos interactivos e segundas pantallas. Esta colaboración enmárcase no Plan DICO Mindset, elaborado pola AMTEGA en colaboración cos Clústers TIC e do Audiovisual para impulsar o sector dos contidos dixitais en Galicia.
Durante o mes de setembro está prevista a celebración dun Workshop no que as empresas interesadas en presentar proxectos poderán realizar consultas aos técnicos da AMTEGA e a CRTVG que lles explicarán as necesidades que buscan satisfacer con estas iniciativas.
Como recolle resolución conxunta publicada hoxe no DOG, a AMTEGA e a CRTVG queren crea unha plataforma integral que ofreza distintos servizos que incorporen as novas tendencias tecnolóxicas como realidade virtual e aumentada a gamificación ou simuladores, ademais de novos modelos de creación de contidos e novas canles de distribución e solucións adaptadas ás novas tendencias de consumo.
Ademais, as solución propostas deberán dar resposta a retos como que capacidades tecnolóxicas son ás máis axeitadas para configurar o novo modelo de televisión pública interactiva ou establecer o modelo económico sostible que permita a adaptación progresiva ás novas tendencias dixitais con impacto económico no sector dos contidos dixitais.
Unha vez finalizada esta fase de consulta definiranse os proxectos concretos e abrirase o período de licitacións públicas para obter a solución tecnolóxica que mellor responda as necesidades expostas
O acordo asinado pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o director da CRTVG, Alfonso Sánchez, contempla un orzamento total de 2.430.000 euros ata o 2020. A axencia pública autonómica achegará 1.780.000 de euros, cofinanciados nun 80% con Fondos Feder, para facilitar o posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo.
Ábrese ao mercado a consulta preliminar para incorporar novos servizos interactivos á oferta da CRTVG
Compartir Este Artigo

