
A convocatoria veu con dúas modalidades: Argos Spin (para proxectos baseados en resultados de investigación da USC) e Argos Enxeño (para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo). Os premios, dotados con 3.000 euros cada un, foron entregados este venres 27 nun acto no paraninfo da Universidade presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri.
Tamén participaron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González; o xerente do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Guillermo Viña González; Teresa Bernal Cortegoso, da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), José L. Villaverde Acuña.
No primeiro caso, na modalidade Argos Spin, CardiaTech propón a comercialización dun software que detecta patróns irregulares no ritmo cardíaco. Concibido por unha investigadora e un investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS), trátase dun método innovador ao servizo da interpretación de sinais electrocardiográficos. O proxecto, segundo informan os seus impulsores, está baseado “nun modelo de razoamento abdutivo” que proporciona unha resposta en 30 segundos en base a patróns cardíacos: ritmo sinusal normal, fibrilación auricular, outra anomalía ou ruído. A USC lembra que o software xa foi premiado a nivel internacional, no Physionet/Computing in Cardiology 2017, que salientou “a súa robustez e fiabilidade”. A iniciativa foi desenvolvida por Sebastián Bouzas e Lía Rendal.
Pola súa banda, Smartwood é unha proposta empresarial baseada nunha aplicación móbil deseñada “para o asesoramento e xestión de terreos rurais”. A aplicación ten a capacidade enviar datos dos cultivos que se poden plantar e como proceder en cada parcela. Ademais, proporciona unha estimación do rendemento que se vai obter e serve tamén como ferramenta de contacto cos axentes necesarios. O proxecto desenvolvérono José Luís Gude, Begoña Castro e Dayana Paz.
A USC tamén informa que nesta edición dos premios concorreron un total de seis equipos promovidos por algo máis dunha vintena de universitarios e universitarias. Ademais dos dous proxectos premiados, xurdiron outros catro con propostas nos eidos da mercadotecnia dixital, o deseño de ferramentas de optimización e automatización de rutas, a produción de encimas industriais de alta calidade para alimentación e a simplificación da toma de decisións no eido das enerxías azuis.
CardiaTech e Smartwood, distinguidos nos premios Argos da USC
Compartir Este Artigo
