O coñecemento da nosa terra, incluídas as actividades de achegamento cultural, medioambiental e turístico, materialízase cada vez máis a través das redes. Tanto os vieiros de coñecemento xenéricos e de meirande amplitude como, tamén, aqueles accesos á esencia galega que ata o de agora, polas razóns que sexan, ficaban inéditos, malia o seu importante potencial. Neste último punto sitúanse as propostas de Monumenta, visibles ao detalle a través da web monumenta.galicia.com. Nela podemos ver as actividades da nova edición do programa do mesmo nome, que este sábado colle impulso con visitas á Muralla de Lugo e á Guarda de Baltasar Merino.
Segundo informa a Consellería de Cultura, o percorrido pola muralla lucense partirá ás 11:00 horas da Domus do Mitreo e contará coa participación activa do arqueólogo Celso Rodríguez e o arquitecto José Pastor Ferreiros, xunto co membro da Sociedade Española de Ornitoloxía Gustavo Ferreiro. Polo que respecta ao itinerario que recupera a vida e os camiños do botánico e meteorólogo Baltasar Merino, celébrase este domingo na Guarda e na súa contorna, propoñendo unha viaxe aos tempos do xesuíta burgalés, cando chegou á Galicia a finais do século XIX e no intre en que comezou a desenvolver o seu inxente valor de estudo e documentación da nosa vexetación e do noso clima. A xornada contará coa presenza do xeógrafo físico Juan López Bedoya e co bioxeógrafo Manuel Anxo Freire.
Para participar nestas andainas e en todas as que están por vir este verán (nos concellos de Valdoviño, Ordes, Esgos, Palas de Rei, A Peroxa e Bueu) ao abeiro de ciclo Monumenta, debermos formalizar a nosa inscrición a través da web monumenta.galicia.com. Esta páxina web funciona como centro de operacións e de información do devandito ciclo, dende o que se quere ofrecer un novo xeito de camiñar: camiñar como fonte de coñecemento, de cultura e de experiencia turística, abranguendo espazos de gran importancia medioambiental e histórica e sen deixar de lado as posibles rutas experimentais.
A páxina en cuestión, amais de por achega o programa completo de actividades, salienta por introducirnos nos principais obxectivos do mesmo, pola súa vertente educativa (programa pedagóxico) e polos recursos audiovisuais e xornalísticos que complementan a nosa experiencia. Tamén se ofrece unha xanela aos camiños percorridos nas edicións anteriores.
Monumenta.galicia.com achéganos á nosa terra a través de innovadoras andainas
Compartir Este Artigo
