A Cámara de Comercio de Santiago presentou onte os seus datos de actividade de 2017, un informe que ten especial valor polo seu compoñente tecnolóxico-formativo, o que reflicte o compromiso crecente da entidade pola dixitalización de empresas e proxectos. As cifras foron achegadas polo presidente da cámara ata abril deste mesmo ano, Jesús Asorey, cuxo cargo é desenvolvido agora por José Sierra. Froito deste compromiso tecnolóxico, o programa TIC-Cámaras concedeu axudas no ámbito das novas tecnoloxías a 75 empresas, dun total de 289 solicitudes.
Polo que respecta á iniciativa INNO-Cámaras no informe sinálase que a entidade cameral asesorou a 123 sociedades. No balance, a nivel de innovación, faise saber tamén que polo viveiro de empresas, emprazado no polígono de Costa Vella, pasaron desde o ano 2006 (ano da súa posta en marcha), 170 firmas, “manténdose a taxa de supervivencia no 76 por cento”.
En canto á formación, integrada principalmente por cursos e xornadas, moitos deles cursos e xornadas que abordaron as vantaxes e utilidades das ferramentas dixitais nas súas moitas e variadas modalidades, recibiron asistencia técnica 2.290 alumnas e alumnos.
No informe tamén se lembra a participación da Cámara en programas europeos, un total de seis proxectos, liderando a entidade compostelá un deles, sobre mozos emprendedores e rexeneración rural, entre outros temas.
Para rematar abordouse a cuestión dos éxitos de seguimento acadados nas redes sociais e sitios web nos que ten presenza: 3.096 en Twitter, 2.220 e Facebook e 54.292 páxinas vistas da súa web corporativa.
A Cámara de Santiago concedeu axudas TIC a 75 empresas
Compartir Este Artigo
