Este verán o Concello de Cangas deu un importante paso en participación cidadá co lanzamento de Emerxia, unha plataforma de incidencias destinada a mellorar a xestión da Administración local a través dunha maior e mellor comunicación e colaboración coa veciñanza. A través da aplicación, de feito, calquera cidadán terá oportunidade de empregar o seu teléfono móbil para conectarse en tempo real e remitir suxestións, incidencias ou urxencias. Poderá facelo remitindo unha fotografía ao servizo correspondente xunto á localización. “Deste xeito, os servizos municipais estarán en disposición de xestionala no menor prazo de tempo posible segundo sexa a incidencia”, informou o Concello.
Respecto dos procedementos a seguir polos usuarios, se estes atopan por exemplo unha fuga de auga causada por unha avaría, poderán sacarlle unha fotografía, conectarse á plataforma e logo remitir a imaxe aos servizos do Concello, xunto coa localización do emprazamento exacto, que tamén se enviará de maneira automática. A cidadanía pode non só enviar, senón tamén recibir no seu móbil o estado no que se atopa esta incidencia, se está en trámite (recibida polo servizo correspondente), pendente ou resolta.
Ao longo deste mes de agosto a plataforma estará en fase de probas, complementándose esta fase de mellora cun proceso de información á veciñanza sobre as súas utilidades e os mellores xeitos de tirarlle partido.
O Concello de Cangas lanza plataforma para resolver incidencias coa axuda da cidadanía
Compartir Este Artigo
