Cinfo, empresa emprazada no edificio CITIC da Coruña e centrada en solucións de analítica de vídeo e intelixencia artificial para o ámbito da televisión, está a subministrar servizos avanzados a El País co fin de mellorar a súa programación en liña. Máis en detalle, a firma galega optimiza a grella audiovisual do devandito medio cos seus servizos de metadados. En concreto, prepara a diario a información dunhas 200 canles, enriquecendo a programación con sinopses, números de episodios, repartición e imaxes.
Para elaborar esta guía multimedia, Cinfo facilita os seus metadatos a través dun ficheiro que simplifica o proceso interno de recollida e xestión da información, “o que permite ofrecer unha solución a medida desde a orixe”, explica a empresa galega, engadindo que dispón deste servizo en diferentes idiomas e formatos.
Cinfo conta a día de hoxe con máis de 10 millóns de usuarios finais. Entre os puntos fortes da súa andaina actual figuran os sistemas de intelixencia artificial da marca Tiivii. Estes acubillan unha manchea de características, salientables, como a funcionalidade de achegar (logo de seren instalados en calquera recinto cultural ou deportivo) seguimento integral e automático dun acontecemento deportivo ou cultural. Cinfo, que conta con preto de medio cento de empregados, traballa arestora con grandes clientes industriais en proxectos de analítica de vídeo, fornecemento de metadatos e integración de imaxes con alertas do mundo real capturadas con sensores.
Cinfo fornece de servizos metadatos á programación de TV en liña de El País
Compartir Este Artigo
