A vindeira edición de Pont-Up Store, a quinta, xa quece motores e xa é unha fonte inesgotable de novidades. Este martes, sen ir máis lonxe, a organización lémbranos que xa está aberto o prazo de inscrición dos obradoiros inéditos que Google impartirá na feira innovadora e emprendendora de Pontevedra, que se celebra (coa praza de España como epicentro) entre o 20 e 22 de setembro, ofrecendo máis de 40 actividades en diferentes recantos da cidade, boa parte das cales terán o nexo común de ser actividades para alentar e facilitar o noso camiño cara ao emprendemento. Un dos puntos fortes do programa é, precisamente, o paquete de obradoiros impartido polo xigante Google, convidada especial do evento.
Alén diso, o punto central volverá ser a carpa situada na praza de España o venres 21 e sábado 22 de setembro, onde será posible coñecer as mellores iniciativas de emprendemento do país e participar nas actividades de dinamización que se desenvolverán no espazo central. Este ano, a organización seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición.
Amais, duplicouse o número de empendementos do ámbito tecnolóxico e incrementouse de maneira notable “a calidade das iniciativas, o seu potencial de desenvolvemento, o seu carácter social e mailo enfoque sustentable de moitas delas”, engade o equipo impulsor da feira de innovación, explicando tamén que as TIC volven ser en boa medida protagonistas da mesma, por temáticas abordadas, seguidas polas ideas innovadoras procedentes dos sectores da saúde e o benestar, o turismo, o téxtil, a gastronomía, a cosmética e a xestión cultural.
Destas 45 empresas, 37 contarán cun stand de balde para mostrar os seus produtos, ideas e servizos, e 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, desenvolvendo propostas como un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, unha xincana canina en alianza con Cans Terapia, un obradoiro de robótica para aprender a montar un Stick Arcade baseado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, unha demostración de técnicas de pigmentación prehistórica, un showcooking de receitas saudables ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo.
A maiores de todo isto, nas instalacións da Facultade de Belas Artes, o Fab Lab Laboratorio Creativo achegará (a partir do xoves 20), un total de 7 obradoiros dirixidos a diferentes públicos, que terán a oportunidade de vivir a experiencia da fabricación dixital e introducirse tamén no eido da robótica. Tamén se vai estrear o Espazo Gaming, para achegar o emprendemento da man dos videoxogos, a través de torneos e varios talleres prácticos que se desenvolverán na Escola de Restauración.
Actividades de Google
No marco da Pont-Up Store, a multinacional Google impartirá por primeira vez no ámbito estatal o Workshop I am Remarkable, unha iniciativa para empoderar mulleres e convidalas a que celebren os seus logros no ámbito profesional. Esta actividade abéirase aos obxectivos de visualización do papel da muller na empresa, marcados para este ano pola organización. Unha facilitadora dirixirá esta actividade que ten como público obxectivo a mulleres que queiran emprender ou que estean na procura de emprego. Celebrarase na aula do segundo andar da Casa das Campás (Rúa Don fFliberto 9-11) o xoves 20 en horario de 11:00 a 12:30 (inscrición: https://goo.gl/forms/ml2gT65qncmU8bSz) e o venres 21 en horario de 12:30 a 14:00 (inscrición: https://goo.gl/forms/3kt5DJSjt2Gcm1ng2). Os dous obradoiros teñen un aforo máximo de 15 mulleres.
Ademais, a compañía impartirá tamén “unha charla inspiracional” baixo o título Tips para a túa marca persoal + Mentorías Exprés impartida pola experta Loreto Gómez que enfocará a sesión a mostrar as claves da xestión da marca persoal e orientar na creación dunha estratexia para conseguir os nosos obxectivos profesionais. Ao remate da sesión informativa poderemos consultar dúbidas con ela en sesión individuais. Terá lugar o xoves de 17:00 a 18:45, tamén na Casa das Campás. O público obxectivo son homes e mulleres que queiran emprender ou redirixir a súa carreira, pero está aberto a calquera persoa. O aforo é de 50 persoas. A inscrición en https://goo.gl/forms/PEzeTLUBNkAbtQOu2.
Puntazo Exprés 2018
A Pont-Up Store, organizada polo Campus CREA (Universidade de Vigo, Campus de Pontevedra) xunto co Concello, tamén dará acubillo á iniciativa Puntazo Exprés, na que participarán 10 emprendementos explicando en cinco minutos cadansúas propostas a cinco destacadas executivas de empresas e entidades galegas: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa NanoInmunoTech (NIT) con sedes en Vigo, Zaragoza e Madrid; Nuria Varela-Portas, xerente e fundadora da empresa de agroalimentación ecolóxica, Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de FUNDAMAR; Lucía Gregorio, adxunta á dirección de REDEGAL, empresa punteira en comercio electrónico e aplicacións para iOS, Android e Windows Phone; e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú Producciones, considerada unha das mulleres máis influentes da televisión. Este ano, como novidade, as presentacións de Puntazo Exprés serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica.
Todos os proxectos escollidos nesta edición son novos emprendementos con menos de tres anos e medio dende a creación da empresa. Entre os escollidos hai empresas como Exga3D, que deseña alimentos personalizados usando a impresión 3D e revalorizando o descarte de alimentos, destacando (tamén no negocio relacionado cos animais) Yaracan, que facilita terapias con animais; AliaDogs, unha plataforma enliña colaborativa de servizos caninos; ou Bichoh! que fabrica complementos artesáns para cans.
O sector dos videoxogos concentra catro propostas: Gaming Troop, unha asociación de xogadores con local propio; The Cloud Gaming, que xurde para impulsar e profesionalizar os deportes en liña en España; SPA-CC, que traballa xerando contornas virtuais e Alobre 3D, experta en xerar modelos 3E orientados a impresión. Dentro do ámbito tecnolóxico destacan tamén Xtonebox, que desenvolve equipos de audio de alta calidade baseándose na antiga tecnoloxía a válvulas; e Taller 7 Maker, onde fabrican prototipos con tecnoloxía 3D.
Google ofrecerá na Pont-Up Store de Pontevedra dous obradoiros inéditos
Compartir Este Artigo
