A Asociación de Empresarios Ferrolterra e a Galicia Business School van achegar recursos ás empresas de Ferrolterra para explorar novos mercados e tirar proveito das ferramentas dixitais para conseguilo. Este é o obxectivo principal do acordo acabado de formalizar entre as dúas entidades, que conta con financiamento da Xunta de Galicia, o Fondo Social Europeo e o IGAPE.
Trátase, en detalle, dun programa formativo para capacitar ao tecido produtivo local perante un desafío que atinxe a todas as empresas, sexan do sector que sexan: para medrar cómpre internacionalizárense. E empregar a fondo e eficazmente as novas tecnoloxías é a fórmula que se impón.
Con este proxecto de formación-acción desenvolveranse conceptos e aplicaranse na práctica, de xeito que, ademais dos coñecementos adquiridos, as empresas participantes poderán levar á súa realidade un plan de seu que marque as pautas para a internacionalización da súa compañía a través de canles dixitais. “Isto”, sinalan a AEF e GBS, “permitirá potenciar a posición exterior aproveitando a redución de custos e a velocidade de execución que as canles dixitais permiten”.
O programa formativo Diploma Profesional en Internacionalización a través de canles dixitais terá unha duración de 32 horas, e será impartido por expertos docentes nas diferentes temáticas devanditas: Manuel Alonso Coto, Rubén Bastón Meira e Laura María Vázquez Viaño.
O programa completo está dispoñible na web da AEF www.empresarios-ferrolterra.org e o prazo de inscrición finaliza o luns, 10 de setembro. As persoas interesadas en obter maior información poden contactar coa AEF no 981 33 33 05 ou través do correo info@empresarios-ferrolterra.org
As empresas de Ferrolterra contarán cunha acción formativa para facer mercado coa axuda das TIC
Compartir Este Artigo
