O Tribunal do Penal de Lecce (Italia) vén de facer historia ao publicar unha resolución na que condenan a PromoSalento por escribir opinións falas en TripAdvisor empregando identidades falsas, o que é delito en Italia, de xeito que o propietario da compañía que vendía paquetes de falsas críticas para locais hostaleiros terá que afrontar unha sentenza de 9 meses de cadea e o pagamento duns 8.000 euros en custos e danos.
A publicación de críticas falsas é ilegal en moitas xurisdicións, pero desta volta temos un dos primeiros casos nos que este tipo de actividade puido condenarse pola vía penal.
TripAdvisor realizou unha extensiva investigación para identificar o negocio ilegal desenvolvido por PromoSalento, tras recibir numerosas denuncias por parte de negocios italianos en 2015. Non só detectaron que o denunciado ofrecía publicamente os seus servizos de críticas falsas, senón que tamén constataban a súa realización, conseguindo establecer relacións entre os comentarios e a empresa fraudulenta, bloqueando e borrando máis dun milleiro de intentos de publicar críticas en TripAdvisor de centos de establecementos diferentes.
Dende TripAdvisor constaron que PromoSalento empregaba diferentes nomes de usuario e enderezos de correo electrónico, para dificultar a súa identificación, polo que tiveron que procurar rastrexar a súa actividade combinando información como enderezos IP, tipos de navegador e incluso resolución de pantalla.
Non estamos ante un único caso, senón que dende 2015 TripAdvisor asegura ter conseguido deter a actividade de máis de 60 empresas en todo o mundo dedicadas á publicación de críticas falsas.
Prisión para unha empresa que publicaba críticas falsas en TripAdvisor
Compartir Este Artigo
