Aínda que a telefonía móbil 5G non vaia ser unha realidade global ata 2020, hai compañías que xa inician o seu espallamento e explotación, sendo unha das pioneiras Verizon nos EE.UU., que a partires do 1 de outubro vai aproveitar a banda larga móbil de nova xeración para achegar acceso á Internet para o fogar nas cidades de Houston, Indianapolis, Los Angeles e Sacramento.
A través do programa First On 5G Verizon permite que os seus clientes nas cidades indicadas poidan tirar proveito da súa banda larga 5G para ter acceso á Internet no fogar, ou sexa, que non esperan á comercialización de smartphones 5G para empregar comercialmente esta tecnoloxía, para así poder probala sobre o terreo. De feito, os clientes que subscriban esta solución poderán gozar de 3 meses de balde, tras o que os actuais clientes de liñas móbiles de Verizon poderían gozar destas conexións domésticas por 50 dólares/mes (mentres que os que non teñan liña móbil terían que pagar 70 dólares/mes).
Estas conexións á Rede terían unha velocidade media de 300 Mbps, aínda que podendo chegar a picos de 1 Gbps, e non terían límites de transferencia, ou sexa, que serían unha alternativa completa ás conexións de cable.
Os clientes de 5G Home tamén recibirán o servizo YouTube TV de balde durante 3 meses (valorado en 40 dólares/mes) e un Apple TV 4K ou un Google Chromecast Ultra de balde, buscando así dar a entender que esta solución é máis que dabondo para poder gozar de contidos audiovisuais de ultra alta definición.
Aínda que a campaña First On 5G bote a andar o 1 de outubro nun número limitado de cidades, irase espallando paulatinamente por outras cidades estadounidenses, en función da cobertura do 5G. Con esta iniciativa Verizon sería a primeira compañía do mundo en ofrecer servizos 5G de xeito comercial.
Verizon ofrecerá acceso á Rede por 5G a partires do 1 de outubro
Compartir Este Artigo
